Da bola da lareira ao “bolo do caco”

Da bola da lareira ao “bolo do caco”

Foto: Bolas de sartén

Houbo un tempo en que nas gasolineiras non vendían pan. En realidade case non había gasolineiras porque non había a quen venderlle gasolina. A tafona quedaba lonxe e o forno, propio ou comunal, cocía en datas concretas.

Era fácil que se acabara o pan, alimento básico da familia campesiña, antes de volver cocer e so había dúas alternativas: pedirllo prestado ao veciño, coa condición de devolverllo cando se cocera, ou preparar unhas bolas na lareira ou na tixola. Unha delicia que aínda se prepara nalgunhas cociñas e que inexplicablemente no está presente nin nos mellores restaurantes. Unha delicia que, curiosamente, nos achega a Madeira e o seu bolo do caco e, en certo modo, ao mundo da arepa americana ou das tortillas mexicanas.

As bolas de lareira non son máis que porcións de masa de pan (fariña, levadura, auga e sal) de forma circular e delgadas que se cocían sobre as pedras quentes da lareira, ás veces cubertas por unhas verzas e sobre elas as brasas do lume. As de tixola son as mesmas porcións de masa de pan fritidas na tixola con algo de aceite.

Os máis larpeiros poñen polo medio da masa uns anacos de touciño, xamón ou chourizo.

Comparte...