GRAN “CHAMPÁN” GALEGO

GRAN “CHAMPÁN” GALEGO

Este Nadal nalgúns fogares galegos brindarase co primeiro espumoso producido no país ao amparo da denominación de orixe Rías Baixas, elaborado pola adega Eidosela e presentado recentemente en sociedade.

Pero non é o primeiro, nin o único espumoso galego. Lagar de Besada, tamén no ámbito das Rías Baixas, elabora as súas Burbullas de Baladiña desde 2006, un viño elaborado coa variedade albariño pero de momento non amparado pola D.O., que aprobou en 2009 a modificación do regulamento que incorporou os viños espumosos. Tamén en territorio de Rías Baixas, pero de momento sen contraetiqueta, elabórase Agnusdei, un espumoso de albariño destinado preferentemente á exportación a pesar da escasa produción existente.

Antes estivo no mercado Danza un espumoso elaborado por Adegas Galegas con uvas da variedade godello, que desapareceu despois de varias colleitas.

E moito antes, na década do oitenta de século pasado, a comarca do Ribeiro asistiu a unha operación errada co lanzamento do espumoso Fin de Siglo, que en realidade naceu como espoleta para aumentar a proxección dos viños tranquilos da mesma marca, desaparecida hai anos.

Non foi esa a primeira incursión galega no mundo dos espumosos.

Xa a comezos do século XX houbo algunhas mostras galegas de champaña: Gran Champán Galicia e Gran Champán Gulías, o primeiro na zona de Vigo, o segundo en Ourense.

O Gran Champán Galicia elaborábao a Compañía Vinícola Galega na Ramallosa, mentres que o Gran Champán Gulías foi obra do ourensán Manuel Vázquez Gulías, arquitecto natural de Beariz (Ourense), que entrou en contacto en París co mundo da champaña e acabou producindo un viño espumoso co produto dos seus viñas de Razamonde.

A fotografía reproduce un anuncio publicado en revista Alfar na súa edición de novembro de 1925.

Comparte...