Micro pizza de Marcelo Tejedor

Marcelo Tejedor, precursor da cociña miniatura, tendencia en redes sociais

A comida miniatura, microcociña, comida para bonecas… é unha tendencia na rede, especialmente en forma de videos, dende hai menos de un ano, inda que se poden atopar algúns exemplos publicados hai xa tres ou catro anos.

E si resulta que os precursores de todo este movemento estivesen en Compostela?. En decembro de 2007 Marcelo Tejedor e o entón xefe de cociña de Casa Marcelo, Iván Domínguez, presentaron en “d’Pintxos, primera feria y congreso mundial de la cocina en miniatura”, celebrado en San Sebastián, unha sesión maxistral titulada “La Cocina de Juguete”.

Marcelo e Iván presentaron microcolacao con microgalletas, micropizza, micromexillóns con micromaionesa elaborada cunha microminipimer, microovo frito con micropatacas fritas e microcafetocaldo, un dos pratos emblemáticos de Casa Marcelo.

A sesión repetiuse en febreiro de 2008 no marco do Forum Gastronómico Santiago 2008. Daquela Marcelo decía en declaracións aos medios de comunicación que non descartaba a idea de ser o inventor da microcociña porque non coñecía a ninguén que a fixese antes e que tampouco descartaba que no futuro alguén abrise un restaurante no que se servisen microplatos, inda que pensaba que a factura non minguaría xa que habería que servir infinidade de microbocados. Definiu o seu traballo como “modelismo culinario” e como “divertimento”. “Non se trata de facer cociña para alimentarse senón para divertirse” dixo.

Salchichón e pan en miniatura para elaborar bocadillos, micro xemas de Santa Teresa e micro tortas de mazás micro foron outros dos pratos en miniatura ensaiados na cociña de Casa Marcelo, regla en man, porque, por exemplo, para o ovo frito con patacas mediron a relación entre un ovo frito de galiña e as patacas da súa gornición para aplicala ás micropatacas que acompañaban ao ovo frito de codorniz. Da mesma maneira, os cogomelos da pizza tiñan un tamaño proporcional ao diámetro da masa, ou os diminutos mexillóns eran proporcionais a unha non menos diminuta cazola. Ata modificaron unha minipimer de xoguete para que fose capaz de elaborar unha auténtica micromaionesa.

As fotos que acompañan foron realizadas en Casa Marcelo o 10 de decembro de 2007.

Comparte...