O Arzúa-Ulloa curado incorporase á Cata de Queixos de Galicia que organiza a Xunta

O Arzúa-Ulloa curado incorporase á Cata de Queixos de Galicia que organiza a Xunta

Estase a desenvolver estes días a Cata de Queixos de Galicia, que cada ano por estas datas organiza a Consellería de Medio Rural, e cuxos resultados se coñecerán o 14 de decembro.

Este ano a cata trae unha importante novidade ao incorporarse á mesma os queixos curados de Arzúa-Ulloa, que deberán ter unha curación de entre seis e quince meses. Sen dúbida un paso adiante nunhas catas que estaban estancadas na parte máis comercial dos queixos galegos con denominación de orixe, pero que esquecían unha parte fundamental da nosa tradición, como son os queixos curados, inda que non teñan a mesma presenza comercial que os madurados. Hai un ano xa falábamos do asunto.

O paso é importante, pero sigo a botar de menos na cata os curados de San Simón da Costa ou produtos coma o requeixo que, inda que non conte con ningunha figura de protección, ten unha longa tradición en Galicia, sendo firme candidato ao recoñecemento dunha DOP.

Hoxe damos unha boa nova. Agardemos que o ano próximo sexan aínda mellores.

Comparte...