Alvaro Cunqueiro

A empanada madrileña

Miguel Vila

Colouse un trasno burlón no concello de Madrid (igual entoleou coa calor destes días) para que a administración municipal faga o ridículo de meter no mesmo saco aos xenerais golpistas causantes da guerra civil, como é o caso de Mola, e escritores que cometeron o erro de sobrevivir.

Álvaro Cunqueiro pode perder a súa rúa en Madrid porque durante a guerra e os tres anos posteriores á mesma militou na Falanxe. A rúa non lla deron por esa militancia, pode que causada polo afán de supervivencia, senón por unha obra literaria e xornalística incomparable que o converte nun dos mellores escritores galegos e españois do século XX. A obra de sesenta anos de traballo dun galeguista universal que non está so na lista de escritores cuxo nome podería desaparecer das rúas madrileñas. Entre outros acompáñao o tamén galego Xulio Camba, que se ten rúa en Madrid é tamén pola súa obra, non polas súas simpatías políticas.

Ambos deixaron algunhas das máis grandes páxinas literario-gastronómicas-xornalísticas do século XX. O mellor desagravio que se lles pode facer a ambos é ler a súa obra. “La casa de Lúculo” de Camba, é un prodixio de humor e xogos de palabras nun libro gastronómico. Noutros, como “Etc.” Camba indica que, contra o que se pensa, o primeiro comedor de ras ou caracois non tiña fame, senón que estaba farto de polos e bistés, e asegura que as grandes innovacións gastronómicas non se deben á fame. Un adiantado ao noso tempo. Tamén conta como en Londres chegou a aborrecer as sardiñas por causa dos ovos de pingüín que estaban de moda e sabían a sardiñas. O libro non é doado de atopar, xa llelo aviso, a non ser que na madrileña Cuesta de Moyano quede algún exemplar dos varios que quedaban cando eu o merquei, haberá uns trinta anos.

No caso de Cunqueiro, deixen por unha vez a un lado os seus tres libros puramente gastronómicos e abran as páxinas de “Merlín e familia”, “As crónicas do Sochantre” ou “Se o vello Simbad volvese ás illas” e verán como a gastronomía está permanentemente presente na obra en prosa do mindoniense, sexan novelas, contos, relatos ou artigos xornalísticos. Ata nas revista de destape de finais da década dos setenta escribiu Cunqueiro sobre gastronomía, inda que cun certo ton picante que esixían as publicacións.

Seguro que somerxidos nas páxinas de Cunqueiro e Camba esquecen o insulto á intelixencia que supón a cuestión madrileña.

Comparte...