Aceite gallego en BenBo numero 7

Frituras saúdables e aceites galegos

Un estudo realizado na universidade de Granada asegura que as verduras e hortalizas fritas en aceite de olivas virxe teñen propiedades máis saudables que as cociñadas por calquera outro procedemento. O obxectivo do estudo era coñecer qué efecto tiñan os distintos procedementos de cocción sobre as propiedades antioxidantes das hortalizas e verduras.

Un galego de Marín, Alfonso Díaz, ven de publicar recentemente o libro “Las 5 W de la fritura saludable”, no que afirma que a fritura en aceite de oliva virxe é unha das técnicas de cociña máis saudables, xa que os alimentos se cocen na súa propia auga. O estudo da universidade granadina axuda a consolidar a tese do noso paisano.

O libro, publicado en castelán, inglés e chinés, explica as claves para unha boa fritura dando resposta ás cinco interrogantes que debe responder unha información xornalística, coñecidas polas “5 W” xa que en inglés esa é a inicial común a quen, como, onde, cando e por que.

De maneira resumida, as 5 W da fritura saúdable tamén se poden ler no último número da revista BenBo, acompañadas de fotografías realizadas para o libro de Alfonso Díaz polo cociñeiro e fotógrafo Sacha Hormaechea.

Las 5 W de la fritura saludable

Las 5 W de la fritura saludable

Aceite galego

No número sete de BenBo tamén se pode atopar unha ampla reportaxe sobre o aceite de oliva producido en Galicia e as empresas galegas que comercializan aceite, achegando os datos de produción, variedades, emprazamento das oliveiras e muíños, forma de comercialización e prezos aportados por todos os produtores que na actualidade comercializan aceite galego de maneira legal.

A reportaxe ofrece os datos obxectivos achegados polas empresas sen prexuízos de ningún tipo, como tantas veces se reflicten nas informacións publicadas sobre o aceite galego, que ás veces están baseadas exclusivamente en reproducir o xa publicado, sen contrastalo nin actualizalo, de maneira certamente irresponsable.

Arredor do aceite galego existen dúbidas e seguirán existindo ata que o sector se regule de maneira que sexa posible acreditar que so se vende como galego aceite procedente de olivas producidas en Galicia. E que cando se mesture con produto foráneo se declare publicamente, como xa fai unha das empresas con oliveiras en Galicia. Agardamos que a nosa reportaxe contribúa a despexar algunhas das dúbidas existentes.

Aceites gallegos junto a una cerámica tradicional de Niñofaguia destinada  a guardar el aceite

Aceites gallegos junto a una cerámica tradicional de Niñofaguia destinada a guardar el aceite

Comparte...