Melindres ricos e amendoados, o trío de ases de Melide

Melindres ricos e amendoados, o trío de ases de Melide

Miguel Vila. Cada segundo domingo de maio, Melide viste as súas mellores galas para festexar aos seus produtos máis coñecidos, os melindres, que van á festa da man de “ricos” e “amendoados”, non menos melidenses e deliciosos inda que menos coñecidos.

Poucas localidades galegas, por non dicir ningunha, prestan tanta atención como Melide aos seus doces tradicionais, ata o punto de que o concello coruñés conta coa Asociación de Repostería Tradicional Melide Terra Doce, que integra a todos os establecementos que na vila elaboran os tres doces tradicionais mencionados, e outros menos coñecidos como as rosquillas de tixola do Entroido.

A elaboración dos melindres leva aparellada a dos amendoados, e viceversa. Trátase de non desaproveitar ningún dos elementos que se empregan na produción de uns e outros, xa que si para os melindres son precisas abondosas xemas de ovo, a claras dos mesmos son elemento imprescindible para os amendoados. A parella perfecta para aproveitar os ovos completamente.

O terceiro elemento da repostería tradicional melidá son os “Ricos”, con maiúscula ben merecida porque se trata dun doce exclusivo desta localidade coruñesa. Aos ricos os ovos van enteiros, pero non son os elementos determinantes da súa composición, senón a manteiga cocida, manteiga de vaca sometida a unha cocción prolongada, de maneira que a auga que contén desaparece e os sólidos lácticos se depositan no fondo da cazola ou nadan na superficie e son facilmente eliminables, quedando exclusivamente a graxa do leite.

Unha forma antiga de conservar un elemento moi caduco como é a manteiga de vaca, pero tamén unha técnica que modifica de forma importante as características do mesmo. A manteiga cocida transmite aos ricos, e a calquera outro doce que se elabore con ela, como bicas e outros, o aroma e sabor que mellor define á pastelería tradicional galega. Esa manteiga é a verdadeira alma dos doces máis antigos da nosa tradición, e en Melide danlle forma de rico, unha galleta inzada de picos que obriga a comela con calma, sen présa, de maneira que se aprecian mellor os seus sabores e aromas.

Os ricos están profundamente arraigados na tradición popular, ata o punto de que o aparello empregado para formalos é, en realidade, un útil destinado inicialmente a embutir chourizos de forma manual. Unha mostra máis da capacidade que os nosos antepasados amosaban para aproveitar os recursos de que dispoñían.

Xunto á rusticidade dos ricos, melindres e amendoados ofrecen unha cara máis refinada, pero xuntos os tres compoñen un trío de ases sempre gañador. Acompañados dunha copa de viño doce o trío convertese en póker, e se o viño é tostado, como recomendaba Cunqueiro, non hai xogada mellor.

Comparte...