Galicia mola

Galicia mola

 “Isto si é unha cicloxénese explosiva” escribían dende o Garum Bistró ante a avalancha de premios acadados pola gastronomía galega nestes días, mentres dende Madrid Fusión Pepe Solla acuñaba o slogan #galiciamola.

Comezou o temporal coa publicación das dez receitas do ano 2012 por parte de Vino y Gastronomía, incluíndo na lista unha de Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau.

Despois fallábanse os premios de gastronomía de Lalín e destacaban nos mesmos o restaurante Abastos 2.0 e o Grupo Nove. É toda unha novidade que os premios de Lalín recoñezan o traballo da cociña innovadora galega, xa que sempre estiveron orientados á cociña tradicional e de feito son concedidos polo concello en colaboración coa asociación Amigos da Cociña Galega, integrada por restaurantes e cociñeiros tradicionais. Xunto ás distincións a Abastos e Grupo Nove tamén foron galardoados a primeira firma de conservas vexetais que se creou en Galicia, A Rosaleira, un restaurante galego de Madrid e tres cociñeiras e un cociñeiro tradicionais polo labor de toda unha vida.

Rematou o temporal coa concesión a Iago Castrillón do premio Cocinero Revelación (¿ou Restaurante Revelación? das dúas maneiras aparece na páxina oficial) no marco de Madrid Fusión e o Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico a BenBo.

O dito, Galicia mola.

Comparte...