Gastrodomingos no Mesón de Alberto, con Pepe Solla

Gastrodomingos no Mesón de Alberto, con Pepe Solla

Como “Gastrodomingos” bautizaron no Mesón de Alberto (Lugo) as actividades que organizan un domingo ao mes, cunha sesión inicial de show cooking por parte dun cociñeiro, posterior comida servida polo mesmo chef e remate con actividades lúdicas diversas na sobremesa. Vaia, como unha reunión con amigos na que cociña unha estrela.

Este mes tocoulle a Solla interpretar ante unhas trinta persoas. Antes da comida falou sobre a influencia dun grado na cocción dun ovo, amosando o resultado de cocelos durante dúas horas a temperaturas entre 61 e 65 grados, pasando de xemas case líquidas a outras completamente duras.

O traballo con conservas chamou a atención dos convidados. Solla demostrou que unhas latas de berberechos, navallas, mexillóns en escabeche, anchoas e bonito en aceite serven para moito máis que para picar nelas cun pauciño e que se poden facer pratos de alta cociña coas mesmas. E insistiu moito na calidade dos aceites e líquidos que acompañan ás conservas. Insistiu en non tirar xamais o líquido de goberno que acompaña aos berberechos, que se pode conxelar e empregar con éxito nun arroz, por exemplo, ou dos aceites do atún e as anchoas, estupendos para o aliño de ensaladas. A afirmación máis contundente nesta materia chegou cos mexillóns en escabeche: “como cociñeiro non son capaz de facer un escabeche tan bo como o dunha boa lata de mexillóns”, asegurou Solla.

Despois chegou unha comida na que puidemos degustar o cocido en tres pases, gamba en caldeira ao caril acompañada de ensalada de coliflor, dumpling de lumbrigante sobre espinaca e caldo, pescada de Celeiro, crema de tubérculos, follas e allada, falsa trufa, prepostre de cítricos (que nos soupo a moi pouco) e o “souffle tradicional dos meus pais” co que Pepe rende homenaxe aos seus proxenitores, que o precederon en Casa Solla.

Toda a comida estivo acompañada de albariño Castro Valdés, da adega Castro Brey, e na sobremesa degustáronse a augardente, licor café e licor de herbas da mesma adega, mentres soaba a música… da guitarra de Solla.

Comparte...