GIN TONIC ENXEBRE

GIN TONIC ENXEBRE

Galicia incorporouse tarde á produción de xenebras premium na onda de gintonics de todo tipo que vivimos desde hai uns anos, pero a día de hoxe xa contamos con algunhas marcas deste destilado elaboradas, en todo ou en parte, aquí, como son Nordés, Platú, Entropía, ChicGin e GinSea.

Agora podemos completar o gintonicenxebre coa primeira tónica producida nesta terra: Me tónic, elaborada pola firma Customdrinks na localidade lucense de Chantada.

Alejandro Gómez, propietario de RoyalBoundary (Lugo) e campión de Galicia de elaboración de gintonic, considera que esta tónica é apropiada para xenebras secas, tipo LondonGin, en cuxa combinación dará lugar a un combinado tradicional lixeiramente especiado, grazas á presenza da pementa negra na formulación da tónica. O resultado seguirá sendo un gintonic seco.

Xenebras

Entre as xenebras de marcas galegas destaca Nordés (Augardentes de Galicia, S.L.), xa que se elabora a partir do destilado de viño albariño, proceso que se realiza en Galicia. Os botánicos empregados son preferentemente galegos, como a herbaluisa,  loureiro,  toxo, herba caralleira ou eucalipto. Nesta xenebra tamén hai  salicornia (planta que se produce en zonas salobres próximas ao mar), casca de limón, xunípero, cardamomo, quinina, xenxibre, hibisco, regalicia ou te.

Platú é unha xenebra elaborada en Pontevedra por Platú Premium Spirits S.L. que emprega alcol destilado nunha vila próximo a Londres, con baias de xenebro, sementes de coandro, raíz de oris, regalicia, anxélica, canela, noz moscada, cortiza de laranxa, casia e limón.

Entropía elabórase en Ourense (Novalicor Auria, S.L.) con alcol foráneo e baias de xenebro, coandro, pel de laranxa e de limón, regalicia, raíz de anxélica, ginseng, guaraná, hibisco, noz moscada e xenxibre.

ChicGin foi desenvolvida por dous emprendedores de Padrón (A Coruña) e elabórase a partir de alcois foráneos e co emprego de botánicos tales como xenebro, anxélica, cardamomo, coandro e limón. Á parte de presentarse en botellas de 70 centílitros tamén se comercializa en monodoses

GinSea nace na Costa da Morte e elabórase a partir de alcois importados de Inglaterra, con xenebro, cardamomo, cravo, coandro e a laranxa amarga como principais botánicos.

Comparte...