Herbas e malas herbas

Herbas e malas herbas

No mercado da augardente hai moito que desbrozar para separar as boas herbas das malas. Segundo asegura o presidente do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia hai quen vende como augardente unha mestura deste con alcohol etílico de orixe agrícola. E quedan tan panchos.

Non se alarmen, que non hai máis risco que o comercial. O alcohol etílico de orixe agrícola, elaborado a partir de remolacha, por exemplo, é perfectamente apto para o consumo… pero non é augardente de bagazo, que é o que os consumidores agardamos atopar na botella.

De tódalas maneiras, o feito máis curioso que se da neste mundo é unha especie de garrafón ao revés: hostaleiros que venden augardente embotellado e etiquetado que á hora de presentalo na mesa aos clientes o traspasan á botella sen etiqueta para que semelle un produto caseiro. O mundo ao revés, clientes que prefiren matute e hostaleiros que os enganan con produtos de mellor calidade.

No mundo das herbas (augardente e licor) pasa algo parecido. O mercado demanda cada vez máis licor de herbas, mentres a augardente de herbas resulta cada día máis difícil de atopar, xa que unicamente sete empresas o producen ao amparo do Consello Regulador. E en 2011 produciron so 900 litros.

Moitos nin saben que existen ambos produtos diferenciados. E menos cales son as diferenzas, que son moitas e notorias, incluso nos amparados  pola contraetiqueta do Consello Regulador.

O licor de herbas elaborase cunha mestura de augardente de bagazo e alcohol etílico agrícola no caso dos amparados polo Consello Regulador. Neste caso o contido de augardente galega será como mínimo do 25 por cento do alcohol absoluto. Nesa mestura de augardente e alcohol macéranse as herbas autorizadas e engádese como mínimo 100 gramos de azucre.

Pola contra, a augardente de herbas non leva máis que augardente galega. As herbas engádense no proceso de destilación e o contido en azucre ten que ser inferior a 100 gramos por litro.

A graduación tamén é diferente: o licor de herbas oscila entre 20 e 40 grados, segundo indica o regulamento do consello regulador, mentres que a augardente vai dos 37,5 aos 50 grados.

Á diferenza de calidade e de gradación únese a diferenza  fiscal, que repercute no prezo. Neste caso a fiscalidade castiga aos produtos de calidade e premia aos subproductos. Por eso o prezo de venta da augardente de herbas pode duplicar á do licor pero ¿vostede quere augardente galega de bagazo ou alcohol etílico de remolacha?

Comparte...