Follas de limón, a delicia do Entroido galego

Follas de limón, a delicia do Entroido galego

Flores, follas de limón e orellas

Polo Antroido en moitos lugares de Galicia podemos encontrar as follas de limón, inda que nalgúns casos non sexa máis que o seu recordo. Estas follas de limón son unha verdadeira delicia típica da cociña galega que, lamentablemente, moitos galegos de hoxe non coñece. Un doce semellante imos atopar nunha zona tan afastada de nos como é Murcia, inda que alí co nome de “paparajotes”.

As follas de limón son, sen dúbida, a exquisitez, a delicia do Antroido galego.

En A Cociña Galega, escribía Cunqueiro: “Pra martes lardeiro, aparte das filloas –das que se falará-, fanse froles e orellas, con masa de fariña, ovos e leite, e tamén as follas de limón, que eu sempre coidei que eran moda de Tui, porque pra terra de onde eu son, trouxo a receta unha familia que vivira e tiña casa en Tui. Eslíese fariña en leite, e cando xa está a pasta a modo, engadénselle ovos batidos. Teñénse follas de limoeiro, máis ben grandiñas, e acabadas de coller, e báñanse no amoado devandito, e frítense en manteiga de vaca. Cando están fritidas, tírase a folla de limón, e ponse nunha fonte o que podemos chamar rebozo, con azucre por derriba. Aínda que a min me goste que se collan follas con todo o rabo, e non se lle quiten á pasta senón cando un vai comendo”.

Pero non só Cunqueiro ofrece a receita das follas de limón. Cipriano Torre Enciso inclúe en “Cocina gallega “enxebre”” a receita desta sobremesa.

Polas cantidades que indica, Torre Enciso sacou a receita do Picadillo, onde se fala dunha libra de azucre, un cuartillo de leite e unha ducia de ovos. Picadillo fai unha introdución humorística da receita, moi no seu estilo, que non podemos resistirnos a reproducir aquí. É a seguinte:

Hojas de limón (fórmula de carnaval).- ¡Vaya una cosa! –dirán despreciativamente los profanos-. ¡Hojas de limón! Con irse al árbol y cogerlas, asunto concluido. Pero ¿quién come eso?. Este “Picadillo” está demente o ebrio. Nos quiere hacer herborizar.

Algunos, más indignados contra mí, se preguntarán:

– Pero, ¿por quién nos ha tomado éste?… ¡Hojas de limón!… Que las coma él si quiere.

Pero vosotras, simpáticas aficionadas al sublime arte del fogón, habreis descubierto bajo este título un delicado postre con que las gentes conocedoras endulzan su paladar y confortan su estómago, como preparándolo para resistir el rudo golpe que le espera una vez arrinconadas las caretas y recogidos en alcanforadas cajas los capuchones.”

Tamén Xaquín Lourenzo, en Os Oficios, cita as follas de limón cando indica que “Polo Antroido é corrente facer algúns pratos determinados e, entre eles, tres castes de doces: follas de limón, orellas e flores”.

E se miran La Voz de Galicia do ano 1906 poden atopar o seguinte aviso comercial:

FLORES Y OREJAS Y HOJAS DE LIMÓN, de la acreditada confitería del Castellano, se venden en la calle de Bailén, núm 4-3º. Se admiten encargos”.

O anuncio publicase tódolos días entre o 20 e o 25 de febreiro de 1906. O día 27 do mesmo mes, martes de Antroido, xa non aparece, e o día anterior, luns, non se publica o xornal.

A mesma casa anunciase no xornal os días anteriores ao martes de Antroido de 1900 e 1901, pero neste caso só se ofrecen flores e orellas, sen referencias ás follas de limón.

Este texto é un extracto do libroA cociña de Entroido e San Xoán“.

Comparte...