Pan de Carballo

IXP Pan Galego, o risco da estandarización

O proxecto de regulamento da IXP Pan Galego non recolle as peculiaridades locais que se dan nun gremio presente en toda Galicia e iso pode traer problemas, por unha parte, e a perda nun prazo máis ou menos longo da identidade tradicional do noso pan. Polo momento, os panadeiros do Porriño xa anunciaron unha alegación ao regulamento para que recoñeza a súa realidade diferencial e poder engadir á etiqueta referencias que os diferencien do pan doutras zonas.

Da mesma maneira, non é improbable que outras comarcas, Carballo, Neda, Antas de Ulla, etc., fagan o mesmo porque o certo é que non todo o pan galego é igual, por moito que todos eles estean en condicións de cumprir os requisitos do regulamento da IXP.

Outras voces se deixaron oír reclamando unha hipotética redución do contido mínimo de fariña do país establecido no regulamento co argumento de que “igual” non hai fariña galega para todos. Son os que entenden que a IXP ven para beneficiar os seus negocios e non para protexer un produto tradicional e garantir aos consumidores determinados parámetros de calidade do produto amparado. Pensar en reducir o contido mínimo de fariña do país é como se nunha denominación de orixe de viños plantexasen que se autorice a compra de uvas fóra da mesma nun ano de colleita escasa.

Cando os viticultores teñen unha colleita reducida tamén se reduce a oferta de viño. Da mesma maneira a IXP Pan Galego amparará ao que cumpra co regulamento, sexa moito ou pouco, e o resto quedará fóra. Seguro que se hai demanda de máis trigo galego os produtores acabarán respondendo, coas consecuencias engadidas de que se reducirá o abandono dos terreos agrícolas e se establecerán barreiras aos lumes forestais.

Non hai datos oficiais sobre o cultivo de trigo de variedades autóctonas en Galicia, pero segundo estimacións facilitadas a BenBo, baseadas nun informe do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, en Galicia existen entre 3.000 e 5.000 hectáreas de trigo autóctono que, en función do rendemento medio do cultivo, suporía arredor de 10.000 toneladas de trigo anual producidas en Galicia.

A Terra Cha é onde máis se empregan as variedades autóctonas de trigo, que supoñen un 90 por cento do total. Na zona central da provincia de Lugo a porcentaxe é do 75 por cento e na Limia o 25 por cento, sendo estas as tres comarcas principais produtoras de trigo galego. Noutras zonas tamén se cultiva trigo galego, especialmente en comarcas ligadas á produción de pan.

Polo que respecta á produción total de trigo, sexa cal sexa a procedencia da semente, en 2013 en Galicia cultiváronse preto de 15.000 hectáreas cunha produción de máis de 36.000 toneladas, segundo datos do Anuario de Estadística Agraria do Ministerio de Agricultura. A provincia de Ourense acapara máis da metade da superficie dedicada a este cultivo e preto de dous terzos da produción.

Esperemos que a IXP Pan Galego sirva para mellorar o que temos e non para estandarizar o pan galego perdendo as peculiaridades locais.

Comparte...