Cartel festa Galo de Curral

Iván Domínguez, pregoeiro da Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces

Ivan Domíngez, cociñeiro e director gastronómico do grupo integrado polos restaurantes Alborada (A Coruña) e Alabaster (Madrid) será o pregoeiro da próxima edición da Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces, que terá lugar nesta localidade pontevedresa o próximo 31 de maio.

Cousa rara que unha festa gastronómica elixa a un cociñeiro para pregoar o seu produto estrela, acostumados como nos teñen a encargar ese cometido a actores, cantantes e famosos de quenda, ou a políticos do partido do alcalde cando a administración municipal está metida de cheo na organización.

Desta volta Vila de Cruces atinou elixindo para o labor ao cociñeiro que máis está a facer polos produtos avícolas desta localidade pontevedresa, inda que sexa sen levantar a voz. Iván Domínguez forma equipo con David Sueiro (Galo Celta) no desenvolvemento de novos produtos por parte do produtor cruceño, como as pulardas alimentadas con uvas ou verzas, o caldo de galiña vella, etc., de maneira que a produción tradicional abre novas liñas de traballo e comercialización.

Por outra, dende o concello anuncian que están a traballar nun centro de envasado de ovos procedentes de criadeiros emprazados en Vila de Cruces e nunha figura de protección para o galo de curral, sen especificar se traballan na declaración dunha IXP ou doutro tipo de marca.  (Actualización: indicannos que se trataría dunha IXP e que prevén presentar a documentación este mesmo mes)

Comparte...