Lagostas e lumbrigantes volven polo Nadal. ¿De onde virán?

Lagostas e lumbrigantes volven polo Nadal. ¿De onde virán?

Por Miguel Vila

Cóntame un comerciante de Compostela que tivo unha encarga de lagosta para Nadal, que non é broma tal como andan os tempos. Pregunto de onde a traen e di que a pediu á lonxa onde se subhastou a máis de 100 euros o quilo. ¿Tomábame o pelo ou tomáranllo a el?.

Ao mesmo tempo, levo algúns días escoitando falar de lumbrigantes galegos a menos de 40 euros o quilo na tenda e non saio do meu asombro.

A realidade é que tanto lagosta como lumbrigante están en veda en Galicia dende o 28 de setembro. Podería haber alguén que os gardase nunha cetaria para sacalos ao mercado nestas datas de Nadal con mellores prezos, pero para ser iso certo deberían cumprirse dúas condicións: que houbera marisco e que agora se pagase máis que hai tres meses. Aparte, pobres lagostas e lumbrigantes despois de tres meses na cetaria sen comer. E sobre todo pobres os compradores, que levarían máis cascas que carne.

Para gardar lagosta galega para o Nadal é necesario previamente ter esas lagostas. Segundo a estatística oficial, dende o 1 de xaneiro ata o 24 de decembro de 2012 pasaron polas lonxas galegas 600,75 quilos de lagosta. ¿Aínda pensa alguén que queda algo para gardar tres meses despois?.

Polo que respecta ao lumbrigante, as mesmas estatísticas din que este ano se descargaron en lonxa 4.772,41 quilos, cun prezo medio en lonxa de 20,57 euros quilo. Nin creo que haxa lumbrigantes para gardar nin moito menos para, tres meses despois, vendelos a menos de 40 euros quilo na tenda.

A conclusión é clara: o nome de Galicia vende e hai moitos que non teñen o menor problema en usalo indebidamente.

Comparte...