Que chega a lamprea!

Que chega a lamprea!

Xa chega. Co ano novo comeza nas pesqueiras de Areas, na parroquia padronesa de Herbón, emprazadas en augas do Ulla, a tempada de pesca de lamprea. Posteriormente iranse abrindo outras zonas de capturas no mesmo Ulla, no Miño e no Tea, os principais ríos lampreeiros de Galicia.

Comezará, un ano máis, a peregrinación de miles de galegos e foráneos en pos do apreciado, pero enormemente descoñecido, ciclóstomo, que tamén se consome no norte de Portugal e nalgunhas zonas de Francia, aínda que seguramente sexa Galicia a maior comedora de lampreas do mundo. Tantas que non alcanzan os moitos miles que cada ano se capturan nos nosos ríos e prodúcense importacións masivas, segundo contan os lampreeiros, en camións cisterna nos que os bichos viaxan vivos até os viveiros galegos.

Na cultura da lamprea hai moito de mito e moito máis de descoñecemento. Galicia conta cunha longa lista de receitas tradicionais que se aplican ás súas carnes, sexa en fresco ou afumada e curada, algunhas delas notables pero limitadas a zonas xeográficas e establecementos moi limitados, maioritariamente na contorna da localidade pontevedresa de Arbo, a verdadeira capital da lamprea.

Pero fronte a esa riqueza do receitario tradicional, a Galicia lampreeira céntrase principalmente na preparación denominada “á bordelesa”, que causa unha parte do rexeitamento cara a este animal polo emprego do seu sangue no guiso, mentres na maior parte do resto de receitas ese sangue non se utiliza.

Aos que amamos a lamprea nin o sangue nin a suposta fealdade do bicho nos preocupa o máis mínimo. Os outros non a comerían nin aínda que lla pintasen de cores. No mundo da alimentación algúns prexuízos son tan antigos que parecen fixados nos nosos xenes.

Foto: lamprea afumada e rechea

Comparte...