Etiquetas de latas de mejillones "de las rías gallegas"

Mexillón galego. ¿Sabemos o que queremos?

Por Miguel Vila

Este asunto do etiquetado do mexillón deixa entrever que como consumidores non temos moi claro nin o que queremos nin o que supón a sentenza do Mercantil de Pontevedra.

O xulgado prohibe a unha empresa galega, que pon en conserva mexillón en Galicia, que poña na súa etiqueta calquera referencia a que se trata dun produto galego. Incluso si o mexillón é galego. Máis ou menos e dito de forma coloquial. Non se trata de que a empresa empregue ilegalmente a marca Mexillón de Galicia nin se aproveite do símbolos da mesma.

E falla desa maneira o xulgado (outros fixérono en sentido contrario) porque o regulamento da denominación de Orixe Mexillón de Galicia é claro a ese respecto, e nesta cuestión é lei: “A protección outorgada pola Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia esténdese ao uso dos nomes das rexións, as comarcas, os concellos,as parroquias e as localidades que compoñen a súa respectiva área xeográfica en relación con produtos da mesma ou similar natureza”. Iso significa que os mexillóns que saen das rías galegas e das conserveiras galegas á marxe da denominación de orixe non poden indicar de ónde proceden: nin a rexión, nin a comarca, nin o concello, nin a parroquia nin a localidade. Esqueceron a provincia, pero ¿non lles parece algo excesiva a situación?.

Ao tempo que o consello regulador loita por prohibir as referencias á orixe cando se trata de mexillón galego (excepto o amparado pola D.O.), tamén o fai para que sexa obrigatoria a mención á orixe no caso de mexillón de importación. Na achega de Mexillón de Galicia ao informe da Comisión Europea sobre o regulamento (UE) 1169/2011, o consello regulador de Mexillón de Galicia escribía (V.O.): “Los consumidores de productos del mejillón serán legalmente engañados a partir del 13.12.2014, ya que, confiados en el prestigio de las materias primas europeas y de las conservas, comprarán y consumirán produtos transformados y conservas que ocultarán su origen”.

A patronal da conserva alimenta o lume. As declaracións de Juan Manuel Vieites ao respecto resultan provocadoras e ven dicirlle ao Consello Regulador que se atreveron con Javimar porque son pequenos e están fóra de Anfaco, pero a ver se teñen o que hai que ter para meterse coa gran patronal. Grandes ou pequenas, algunhas conserveiras galegas son as responsables de que Galicia perdera recentemente o segundo posto mundial na lista de produtores de mexillón, que encabeza China e na que agora en segundo lugar se sitúa Chile, onde o sector do “chorito” ten unha importante presenza de capital galego. Nos comercios galegos cada vez se ven máis latas de mexillón procesado en Galicia pero procedente do Pacífico.

A denominación de orixe temos que defendela entre todos con argumentos e non con vareadas a quen podería, antes ou despois, integrarse na mesma. Porque, mentres, empresas de fóra de Galicia usan a cociña galega como argumento para vender mexillóns chilenos sen máis xustificación que o feito de telos envasado aquí.

Pero parece que entre uns e outros queren acabar cun sector que foi pioneiro no mundo enteiro. E polo medio andamos os consumidores, levándoas nas dúas meixelas.

Eu, como consumidor, quero que a etiqueta me indique de onde procede o mexillón. Si é galego que o diga. Se está amparado pola D.O. mellor aínda, pero entón estará presente a marca da mesma.

Comparte...