Melide, para adozar o día

Melide, para adozar o día

Miguel Vila. Os días 7 e 8 de maio Melide renderá homenaxe aos seus doces máis tradicionais na XXV edición da Festa do Melindre e da repostería Tradicional Terra de Melide. Melindres, ricos e amendoados van da man na festa, como o fan día a día no traballo da medida ducia de establecementos melidaos que os elaboran e comercializan.

Nos días da festa a vila énchese dunha oferta gastronómica salientable a través dos múltiples postos que compoñen a feira, centrada fundamentalmente na alimentación e na artesanía, de maneira que ademais dos doces tradicionais se poderán probar, e mercar, produtos moi variados.

Na mañá do domingo nomearanse os novos “embaixadores do Melindre”, coa entrega dos galardóns na praza do concello en presenza dun numeroso público que, despois da lectura do pregón da festa, non perde oportunidade de degustar as especialidades da vila.

Melide ofrece ese día as súas mellores especialidades nos moitos establecementos hostaleiros diseminados pola vila, cunha especial concentración no seu casco vello, e non se pode visitar a vila sen probar o polbo á feira. Os polbeiros da vila converten a Melide nunha das grandes capitais galegas do polbo, xunto co Carballiño e Lugo.

Visita obrigada, e moito máis neste tempo en que o vermú é tendencia, é a viñoteca Ribeirao na que ademais de mercar bos viños, e vermús, poderán contemplar unha portentosa colección de sifóns de todos os tempos, composta por arredor de 500 pezas de distintas marcas, formas ou épocas. Aseguran os responsables da tenda que nos seus andeis non hai dous sifóns repetidos.

Seguro que a visita a Melide, na súa festa máis gastronómica, lles vai deixar un recordo doce.

Comparte...