OIA, QUE RICO É O OUTONO NON?

OIA, QUE RICO É O OUTONO NON?

Mentres Adán esperaba pacientemente a caída das follas que cubrían a Eva, fundamentalmente porque tiña fame e aquelas follas parecían zumentas, non sexan mal pensados, non se deu conta de todas as cousas ricas que o rodeaban. E tivo que ser Eva quen lle descubrise que a mazá estaba moi saborosa, aínda que os libros, que eu saiba, non aclaran se era crúa, asada, en puré ou en forma de doce con canela, como me gustan a min.

O outono anúncianos as mellores mazás e matanzas e enche os nosos bosques de cogomelos deliciosos, que tampouco é cuestión de desprezalos como seguramente fixo o noso común antepasado e fixeron maioritariamente os nosos proxenitores galegos, e os seus e…

Pero nas últimas décadas sacudímonos os tabús ancestrais e xa non só producimos cogomelos, mesmo amparados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica, senón que os consumimos con fruición… e con outros ricos froitos desta tempada, como as castañas, que aos poucos van facéndose un oco na nosa cociña despois de estar case abandonadas; a caza, que en Galicia sempre é escasa a pesar da proliferación de xabarís e corzos polos nosos montes; as fabas da Mariña lucense aínda que sexan todas atribuídas a Lourenzá…

Tamén o outono tráenos os mellores froitos das nosas rías, como centolas ou nécoras ou os escasos, e pouco coñecidos pola maioría, santiaguiños.

E chegan as verduras de inverno, grelos, verzas e repolos, que son a verdura nacional de Galicia, aínda que nestes tempos de globalización moitas liñas antes ben definidas vanse agora esvaíndo.

E para mollalo todo, o viño novo.

O outono, ademais, anúncianos o inverno, que chegará con capóns e lampreas na súa ampla cesta. O inverno chegará, pero eu voume… a merendar algo quentiño, que a tarde está desapracible.

Comparte...