Risolio, o licor perdido

Risolio, o licor perdido

Na exposición Ao pé do lar, organizada con motivo do Forum Gastronómico de Santiago 2010, incluíase unha mención a un licor descoñecido pola meirande parte dos galegos. Baixo o título “O risolio, o licor perdido” indicábase: “No século XIX difúndese o augardente e tamén o risolio, un licor composto de augardente mesturado con azucre, canela, anís e outros ingredientes olorosos. O risolio era moi frecuente nas romaxes e festas aldeás, onde as rosquilleiras o vendían por copas. No século precedente os notables tomaban xa copas de risolio”.

As afirmacións do profesor Xabier Castro, catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela e un dos mellores coñecedores da historia culinaria de Galicia, vense reforzadas polas innumerables citas literarias sobre a presenza de dito licor en Galicia.

Por Juan Manuel Pintos (Contos da aldea que parecen historias da vila e historias da vila que parecen contos da aldea, 1858) sabemos que o licor se tomaba coa parva en compaña de rosquillas (comida lixeira, pola mañá, despois do almorzo e antes da comida): “En direitura a unha tenda me levou con gran porfía para unha parva pequena de resolio e de rosquillas”.

Rosalía de Castro, en Cantares Gallegos (1872) dá conta do que se podía atopar na romaría da Virxe da Barca, en Muxía: “… uns que venden limoada, outros augua que refresca, aqueles dulce resolio con rosquilliñas d’almendra; os de máis alá sandías con sabrosas sirigüelas, mentras tanto qu’algún cego ó son d’alegre pandeira, toc’un carto de guitarra para que bailen as nenas. ¡Bendita a Virxe da Barca, bendita por sempre sea!

A comezos do século XX Xesús Rodríguez López (Gallegadas con alegrías de la tierra en verso y en prosa, 1908) dá pistas sobre a composición do risolio: licor composto de augardente, azucre e canela.

Moitos máis escriben sobre o resolio ou risolio, que aparece no Tío Marcos da Portela, na obra de Ramón Cabanillas, Castelao, Carballo Calero, Otero Pedrayo, e una longa lista de autores galegos.

O último a quen lle leo sobre o resolio é ao recentemente desaparecido Fausto Galdo, na súa obra póstuma “Abecedario das mantenzas”. Di: “Resolio. Licor de augardente, azucre, canela e anís mesturados en frío. Moi usado nos pazos e casas grandes ata a mellora na elaboración das augardentes caseiras”. Por primeira vez vexo a fórmula para preparar o resolio. Lamentablemente Fausto Galdo non indica a procedencia da receita, pero coñecendo o tesouro bibliográfico que garbada na súa casa non dubido de que saíu dalgún dos moitos libros que posuía.

A receita é a seguinte: “Facer una infusión ou café de pota con 100 gramos de café moído nun litro de auga, coalo e aumentarlle dous litros máis de auga. Engadir dúas ou tres cabezas de cravo, anís estrelado, un pau de canela e dous quilos de azucre  torrado, feito xa caramelo. Deixalo ferver 15 minutos. Unha vez frío, coalo para mesturalo con dous litros de augardente”.

Comparte...