Ronsel do Sil, viño e arquitectura

Ronsel do Sil, viño e arquitectura

Coñecemos en Xantar a María José Yravedra Soriano, que nola presenta Mercedes González, presidenta da Asociación de Sumilleres Gallaecia. María José é unha arquitecta madrileña que asegura ter aforrado durante trinta anos para cumprir un soño: montar unha adega na Ribeira Sacra. Tamén é master en Viticultura e Enoloxía.

Esta arquitecta non fala de estruturas, de formas ou de espazos, senón de castes tradicionais, da súa recuperación, de cepas vellas, de socalcos, de viño. Vénlle de caste, xa que é filla de Gabriel Yravedra, presidente de honra da Organización Mundial do Viño en recoñecemento a unha vida dedicada ao mesmo dende o Ministerio de Agricultura.

Da paixón polo viño de María José nace a adega Ronsel do Sil e na mesma dous viños que chaman a atención.

Baixo a marca “Ourive” a adega comercializa un viño escasísimo. Tanto que a web indica que a produción é de 800 botellas, inda que a adegueira faloume de 2.000. Escaso, sexa cal sexa a cifra. Trátase dun monovarietal godello, elaborado con uvas procedentes de cepas con máis de 80 anos, situadas en Soutipedre a 550 metros de altitude e con orientación norte. O resultado é un viño moi destacado e exclusivo por 17,50 euros (prezo de tenda online).

A adega ofrece bos mencías e un viño para interesados nas rarezas: “Alpendre”. Un monovarietal merenzao cunha capa nunca vista nos tintos galegos, xa que case parece un clarete. En nariz e boca lembra a certos viños franceses (Jura) ou mediterráneos.

Comparte...