Fumata blanca no concurso de tapas con queixo San Simón, en Vilalba

Fumata blanca no concurso de tapas con queixo San Simón, en Vilalba

Na terra do cardeal Rouco Varela e a poucas semanas da elección do novo Papa era inevitable que o tema saíra ata nos concursos de tapas. E así foi. “Habemus papam”, a tapa presentada polo Mesón do Campo non so foi o espectáculo do concurso senón a gran gañadora, acumulando dous premios: o do público e o do xurado na modalidade de tapa innovadora.

A tapa é un guiso de rabo montado coma un milfollas con láminas de cabaza sobre unha base de salsa de tomate e por derriba unha esferificación de queixo. O espectáculo achégao o fume branco que lle da nome e que enche a campá de cristal na que se presenta a tapa. O fume orixínase nun chupito con xeo seco.

Na categoría de tapa tradicional os gañadores foron “Segredo das Xaquinas ao San Simón” de A Casa das Xaquinas (premio do xurado) e “Roliño mar e terra”, de Luzada (premio do público). No primeiro caso unha tapa composta de pataca, tomate e carne cun prebe de queixo e no segundo un rolo de paleta ibérica, rechea de langostino, sobre berenxena e con queixo de San Simón.

O xurado finalista so xulgou as oito tapas (catro de cada categoría) seleccionadas polo público. Cada ano o nivel vai mellorando, cunha media por derriba doutros concursos similares, pero segue presentándose a mesma falla: conseguir que as peculiaridades do queixo de San Simón se presenten claramente no prato. Os cociñeiros melloran as súas propostas, pero nese aspecto seguen fallando e non deberían de esquecer que se trata dun concurso de tapas con queixo San Simón.

Comparte...