FIN DE FESTA CON SOPAS DE ALLO

FIN DE FESTA CON SOPAS DE ALLO

Miguel Vila

Un ano máis, as cámaras da televisión darán boa conta desa maneira tan indixesta que temos agora de rematar as grandes festas, é dicir, aquelas que se prolongan toda a noite e nas que se inxire máis alcohol do qué se debe. Hai xa moito tempo que o chocolate con churros se puxo de moda como remate da troula e preparación do estómago antes de ir a durmir un sono reparador, pero non sempre se acadan os resultados desexados e a contundencia desa derradeira comida da noite, ou primeira da mañá, fai grandes estragos.

O chocolate con churros é unha merenda deliciosa, pero tomada antes de ir para a cama e co estómago estragado polos excesos da noite, convértese nun arma de destrución masiva, co chocolate e churros loitando na andorga ata que a dixestión fai o seu labor. Antigamente o chocolate servíase acompañado dun vasiño de leite frío ou, máis habitual, dun gran vaso de auga fría que axudaban á cocedura. O costume perdeuse, como tantos outros, e agora os incautos caen inocentemente nas gadoupas do chocolate.

En Galicia, e de antigo, temos un remedio moito mellor para rematar a troula e despois durmir coma anxiños: as sopas de allo. Un remedio que seguro empregan en moitos outros lugares.

Houbo un tempo en que ningunha festa que se prézase remataba sen o reparto das tradicionais sopas de allo, que se preparan nun momentiño e se toman sen ningún esforzo. Non me pregunten o porque, que o meu saber non chega a tales profundidades senón que se queda na propia experiencia persoal e a dos que me rodean, pero un prato de sopas de allo, quentiñas e lixeiramente picantes, é o mellor que hai antes de ir para a cama, sempre que despois da festa un desexe durmir, que para outros mesteres o recendo do allo seguramente non vai ser o máis axeitado.

Hoxe son poucos os lugares onde se preparan as sopas de allo para fin de festa. Co mal que levan falado algúns do allo e o ar de prestixio que ten o chocolate “á taza” (que sempre foi bebida de curas e señoritos) é normal que o segundo vaia desprazando á primeira, e máis nunha sociedade como a nosa na que moitas veces imperan máis as formas que os contidos.

Eu, que por estas datas non poño un pe na rúa para asistir a ningún tipo de festa, sempre miro nos xornais os anuncios de restaurantes e hoteis que celebran festas de Noitevella ou Reis, buscando fundamentalmente a súa oferta de remate de festa. Nunca iría aos que ofrecen chocolate con churros, que son a maioría, pero sempre atopo algún lugar onde as sopas de allo seguen vivas. Case sempre son casas de turismo rural.

Comparte...