Unha breve historia de estrelas (Michelín) en Galicia

Unha breve historia de estrelas (Michelín) en Galicia

Imagen de la guía Michelín de 1980, donde El Mosquito aparece con una estrella

¿Cantas estrelas Michelín hai actualmente en Galicia?¿Cal foi o primeiro restaurante galego en lograr unha estrela Michelín?¿E a primeira muller?. As tres son preguntas reais que algunha vez escoitamos e que resulta fácil responder con so facer unha breve visita á casa virtual dos Cancela, eses irmáns de Carballo que atesouran a que parece ser a meirande colección de guías Michelín do mundo.

Coa información que Cancela proporciona é fácil dicir que, ata esta noite, Galicia conta con once estrelas Michelín, que o primeiro restaurante galego en recibila en realidade eran tres e que deses tres un estaba rexido por unha muller.

Os primeiros

En 1980 chegan a Galicia as primeiras estrelas Michelín, para os restaurantes Casa Solla, Chocolate e El Mosquito.

De maneira portentosa, Casa Solla mantivo a súa estrela sen interrupción dende entón. E van xa 34 edicións da guía. Chocolate (Vilaxoán), perdeuna en 1993 e antes, en 1987, xa a perdera El Mosquito.

Os seguintes

Durante varios anos Galicia conformouse con esas tres estrelas, ata que en 1986 se uniron á lista o Puesto Piloto (Alcabre, Vigo, que a perdería en 1994), San Miguel (Ourense, que a mantería durante tres anos máis) e Doña Antonia (Pontevedra, que mantería a estrela once anos, ata 1998).

Ao ano seguinte chegaría a estrela de Síbaris (Vigo) e iniciábase unha saga portentosa: a da familia Vicente. Entre 1989 e 1995 os Vicente terían dúas estrelas: unha de Toñi Vicente no Síbaris, outra dos irmáns en Doña Antonia.

Pero o máis grande estaba por chegar. En 1993 Toñi Vicente gaña unha estrela para o restaurante do seu nome en Santiago de Compostela e entre ese ano e 1995 convértese na única cociñeira galega con dúas estrelas Michelín: unha en Síbaris e outra en Toñi Vicente. Doña Antonia mantiña a súa estrela en Pontevedra, de maneira que nese período a familia Vicente tivo tres estrelas.

A primeira muller

A primeira muller en obter en Galicia unha estrela Michelín foi, polo tanto, a fundadora del El Mosquito, Carmen Roel. Pero algúns anos máis tarde daríase unha auténtica constelación de estrelas femininas en Galicia

En 1996 Toñi Vicente no seu restaurante de Santiago, Ana Gago en Casa Pardo da Coruña e Manicha Bermúdez no Puesto Piloto de Alcabre dispoñían de estrela e supoñían unha porcentaxe importante dos restaurantes galegos con estrela, xa que xunto con elas so estaban Loliña (Carril), Doña Antonia (Pontevedra), Casa Solla (Poio) e Roberto (Santiago de Compostela).

A lista de restaurantes galegos que nalgún momento ostentaron unha estrela Michelín acada a 25 establecementos, que son os seguintes: Casa Solla (Poio), El Mosquito (Vigo), Chocolate (Vilagarcía de Arousa), Puesto Piloto (Vigo), San Miguel (Ourense), Doña Antonia (Pontevedra), Síbaris (Vigo), Casa Tomás (Neda), Toñi Vicente (Santiago de Compostela), Loliña (Carril, Vilagarcía de Arousa), Casa Pardo (A Coruña), Rotilio (Sanxenxo), Roberto (Santiago de Compostela), Casa Marcelo (Santiago de Compostela), A Rexidora (Bentraces), Playa Club (A Coruña), O Retiro da Costiña (Santa Comba), Yayo Daporta (Cambados), Pepe Vieira (Poio), As Garzas (Malpica), La Estación (Cambre), Alborada (Coruña), Maruja Limón (Vigo), Silabario (Tui), Culler de Pau (O Grove).

Esta noite saberemos quen conserva a súa estrela, quen a gaña e os que a perden, de ser o caso. Sorte a todos.

Comparte...