Anguía, manxar do Miño

Anguía, manxar do Miño

Por  Mercedes Blanco (La aprendiz de chef)

 “Están boas en calquera estación pero as mellores son as que, por Setembro, escoitan non se sabe como, a chamada nupcial. Entón as anguías, deixan as augas do muíño, dos regueiros dun prado e buscan as correntes que as levan ao mar. Nel encontran marido que as acompaña ata o mar dos Argazos e que é a finalidade desta viaxe súa. As anguías de Setembro están graxas, preparadas as súas reservas para a súa grande aventura. “

Alvaro Cunqueiro, La cocina gallega, Editorial Galaxia – 1973

No corazón do Ribeiro, alí onde “o pai Miño” protagoniza a vida galega, naquel lugar onde a paisaxe se adorna de cultivos de vide que ocupan soleadas abas, alí onde agora se levantan presas que embalsan a auga, a anguía foi unha abundante especie que en tempos antigos era un produto de subsistencia e que actualmente se converteu nun apreciado bocado para exquisitos padais.

A construción dos encoros no Miño a punto estivo de remataren coa especie, dadas as dificultades de remonte da anguía polas prefabricadas canles, onde a miúdo os exemplares morrían pola presión da auga ou por efecto das turbinas. Hoxe, conscientes da importancia da anguía, anualmente son rescatadas miles delas e axudada pola man do home a remontar os ríos galegos para que o seu ciclo vital poida seguir adiante. E así percorren -ao alcanzar a súa madureza- durante case un ano máis de 4.000 kms., chegando ao mar dos Argazos onde se aparean, desovan e morren. Afortunadamente, as pequenas crías emprenden a viaxe para regresaren ao río dende onde partiron as súas nais e continuar a deleitarnos.

Cóntanos D. José Cornide no seu Ensayo de una historia de los peces”(1788) que “se serven as anguías frescas, fritas, guisadas e empanadas; pero cando son de proporcionado tamaño ásanse sobre as grellas, rebozadas en follas de loureiro ou parra, e aderezadas cun pouco de limón e pementa… “.

Cónstanos que en casas da zona aínda existe a tradición de degustalas cocidas ou en empanada, nós gozámolas sinxelamente fritidas: crocantes, substanciosas… Delicada carne de suave sabor, se tes a oportunidade non deixes de saborear este peixe con corpo de serpe, estou convencida de que te conquistará. Outro día falaremos da cría da anguía, a cotizada angula, pero esa é outra historia…

Comparte...