BRANCOS GALEGOS: 4 VIÑOS QUE DEBES PROBAR

BRANCOS GALEGOS: 4 VIÑOS QUE DEBES PROBAR

Por Boottle

Nos últimos anos as adegas galegas deron un salto cualitativo moi importante, situando os nosos viños no ranquin dos mellores caldos internacionais. Hai moitos proxectos interesantes xestionados por verdadeiros fanáticos da uva, que coidan até o último detalle para que gocemos co seu traballo en cada copa. Mostrámosvos unha pequena selección desas xoias en branco, a miúdo descoñecidas para o gran público.

Ribeiro branco 1940, Adega Sameirás

Esta adega está xestionada por un verdadeiro emprendedor. Tras quedar sen traballo, Antonio Cajide decide tomar as rendas na adega da súa familia. Despois de percorrer Francia e Portugal caderno e copa en man, regresa a Galicia e relanza Sameirás. Recibiu numerosos premios polo seu traballo e o resultado é unha gran variedade de caldos, entre os que destaca 1940.

Maceración de pastas en frío e lías en doce, fermentación desde densidade 1.040, en barricas de carballo, fermentación controlada, traballo de lías e permanencia de seis meses en barrica que dan como resultado un viño complexo, tremendamente guloso e untuoso. Viño complexo onde a froita vén acompañada por notas da súa crianza sobre lías en madeira. Unha auténtica gozada.

Ribeiro branco Issué

É un proxecto conxunto de Bernardo Estévez na viticultura e Xose Lois Sebio na enoloxía. Apostaron pola Agricultura natural Masanobu Fukuoka, unha técnica baseada no coñecemento do chan e o respecto da natureza.

Issué é un viño diferente, carnoso e profundo, concentrado e intenso repleto de personalidade que reflicte os grades viños que antigamente se elaboraban no val de Arnoia.

Ribeiro branco, Eloi Lorenzo

A adega actual nace no ano 2007 co obxectivo de recuperar os viñedos da familia e o soño de elaborar de forma natural un viño persoal e diferente que exprese totalmente a conexión natural das cepas co chan e o clima. Eloi Lorenzo é un viño de autor elaborado artesanalmente por Xavier Monsalve na súa pequena adega da casa familiar da Ponte, Arnoia, adega que xa se usaba en tempos de Eloi Lorenzo, bisavó de Xavier.

Este ribeiro branco presenta unha preciosa cor dourada, límpido e brillante. O nariz móstrase tímido pero sumamente elegante: notas ameladas, froita de óso, flores brancas… todo iso arroupado por un fondo mineral que nos lembra ao chan granítico onde nace o viño. En boca resulta igual de elegante cun tacto untuoso ben compensado cunha delicada acidez. Tremendamente guloso…

Albariño Lagar de Costa Barrica

Lagar de Costa é unha adega familiar con máis dun século de historia na que tres xeracións se encargaron do coidado do seu viñedo de cepas albariñas. Toda a produción procede dos seus propios viñedos, algúns deles con máis de 50 anos, que se atopan na parroquia de Castrelo, fronte á Illa da Toxa.

Lagar de Costa Barrica é outro monovarietal albariño, nesta ocasión cunha crianza sobre as súas leas durante 4 meses e un breve paso por madeira que non lle fai perder nadiña de nada da súa personalidade, máis ben ao contrario, a madeira achégalle corpo, axuda a madurar a súa froita e potencia os aromas minerais que xa atopabamos no seu irmán máis novo.

Más información:  Bottle

———-
Os textos asinados responden exclusivamente á opinión dos seus autores e non forman parte da liña editorial de BenBo, que non sempre se identifica cos mesmos e non se responsabiliza das opiniones vertidas neles. BenBo reservase o dereito de publicar ou editar os textos que reciba sen telos solicitado.

Comparte...