Nunca esqueceremos Casa Marcelo

Nunca esqueceremos Casa Marcelo

Por Miguel Vila

Por máis que o tento non son capaz de lembrar cando e como coñecín a Marcelo, pero non se me esquece a primeira vez que me sentei á mesa no seu restaurante. A miña muller encárgase de lembrarmo cada vez que falamos del.

“A ver cando lle dis que me faga o tomate kinder” di ela, que aquela noite se namorou desa receita… Aínda que non lle gustan os tomates!. Eu, de toda a cociña marceliana, quedome coa pescada de Celeiro con pilpil de limón e caldo de pementos. Creo que se tardarán moitos anos en montar un prato de pescada tan completo e complexo, a pesar da súa sinxeleza.

Agora Marcelo Tejedor anuncia que Casa Marcelo pecha as súas portas definitivamente, aínda que o cociñeiro volverá abrilas con novo nome e novo estilo. Hai anos que o chef me confiou un dos seus moitos soños para Compostela: montar unha hamburguesería, pero das boas, onde primase a calidade. Non vai ser, ao parecer, a vía do novo establecemento que abra as súas portas en Hortas 1.

Sobre o que nos vai a chegar pouco sabemos. Que será un establecemento radicalmente oposto á actual Casa Marcelo, que non haberá menú único, que os prezos van baixar e que Marcelo quere sorprender, unha vez máis, aínda que anuncie a súa morte e resurrección sen, segundo as súas propias palabras, ter definido ao cen por cento o seu novo modelo.

Se na carta haberá hamburguesas, pescada de Celeiro ou atún vermello saberémolo a partir de finais de febreiro. Sexa o que sexa, seguro que será delicioso.

Pero nunca poderemos esquecer Casa Marcelo.

Comparte...