A CARA POSITIVA DA CRISE: CREATIVIDADE E CORRESPONSABILIDADE

A CARA POSITIVA DA CRISE: CREATIVIDADE E CORRESPONSABILIDADE

Por Carmen Fernández García

Xornalista experta en redes sociais, responsable de comunicación de diversas institucións e empresas enogastronómicas 

Ben sei que é difícil pero sempre é máis construtiva a mirada positiva. E temos que recoñecer que a crise que nos está a deixar sen alento tamén trae iniciativas empresarias que tiran da creatividade e das novas tecnoloxías, buscando o máximo aproveitamento dos recursos ao noso alcance. E non é que lle “vivimos por riba das nosas posibilidades” pero sí é verdade que o noso vello primeiro mundo leva moito tempo tirando de recursos que se esgotan. Hoxe máis que nunca debemos mirar pola sostenibilidade. Por iso me chamou a atención un pequeno folleto en papel reciclado que chegou ás miñas mans baixo o título: “aluguer de árbores de Nadal vivas”.

Trátase dunha empresa compostelá que mediante a súa web www.nadalverde.com non só aluga estas árbores, senón que logo as recollen e plantan un viveiro ata o vindeiro Nadal. Ademais a empresa anima aos seus usuarios a que apadrinen o abeto todo o ano, dándolle un nome a árbore que, ano a ano, virá uns días a anunciar o Nadal. E cando a árbore medre tanto que non entre no salón, plantarase definitivamente nun monte. Non se trata só aforro ou reciclaxe, é economía de medios e coidado do medio ambiente, xa que tamén ensinamos aos máis pequenos que a árbore é un ser vivo e non un obxecto de usar e tirar.

Este é un dos moitos exemplos nos que podemos ver esa nova filosofía: Lonxamar.net é unha plataforma que traballa directamente cos pescadores artesanais a prol dun mar sostible, ou GranxaFamiliar.com, Premio Alimentos de España deste ano, que promove o contacto co consumidor, evitando intermediarios e unha cadea superflua de embalaxes. Pero tamén descubrimos outras plataformas que empregan as novas tecnoloxías non só para poñer en contacto o consumidor e o produtor senón para facilitar que o consumidor acceda aos produtos de calidade que ten máis preto e con prezos que repercuten directamente no produtor.

É o caso de Hermeneus, unha rede on line radicada en Euskadi que está a ter éxito grazas aos seus máis de 7.000 compradores habituais en dous anos, e na que o consumidor pode crear o seu propio perfil, facer a súa cesta da compra, pagarlle directamente ao produtor e que lle envíen o produto de xeito gratuíto, grazas a software que permite localizar o punto loxístico máis achegado ao comprador.

Grazas a estas iniciativas o consumidor ten cada día máis posibilidades para tomar decisións de compra informadas e responsables, con produtos de proximidade e iniciativas respectuosas co medio ambiente. Pero a decisión final está nas mans dos consumidores, nas nosas mans.

 

Comparte...