O mar na cociña da Estación foi un dos talleres estrela do Forum Gastronómico da Coruña.

O mar na cociña da Estación foi un dos talleres estrela do Forum Gastronómico da Coruña.

Por Patricia Fernández

O backstage transformado en cociña era un bulicio de xente que traballaba compasada dirixida pola certeira batuta de Beatriz Sotelo e Xoán Crujeiras mentres os asistentes apiñábanse na porta esperando o momento de ocupar o seu sitio no taller. Un taller presentado por Soledad Felloza, que foi definitorio, divertido e delicioso, no que esta parella de chefs mostrou a esencia do seu traballo conxunto no restaurante A Estación, en Cambre.

O seu nome non é azaroso nin corresponde a ningún decorado, senón que simplemente nomea o que é, unha antiga estación de RENFE pola que aínda pasan os trens.

Beatriz Sotelo subiuse ao tren da Estación no ano 2005, converténdose na socia de Xoán e formando desde entón unha das parellas profesionais mellor avindas e cunha inmellorable simbiose culinaria. A confianza, a humildade, a complicidade e o gusto polo traballo ben feito son valores que irradian ao velos traballar.

Ela? de Marín, el? Coruñés criado en Cerceda. A súa íntima relación co mar vénlles de lonxe. O avó de Xoán era cociñeiro en barcos pesqueiros, Beatriz, creceu á beira do mar, e na súa casa o menú do día a día ten moito que ver con isto. O océano Atlántico está neles e na súa cociña, e así o demostraron con estas catro creacións que son unha pequena representación do que fan co mar nos seus pratos: Zamburiñas marinadas en emulsión de codium e sésamo; Longueirón de Fisterra con pesto de queixo San Simón da Costa e vinagreta de froitas; Xurelo a baixa temperatura con escabeche emulsionado e fresas; e por último un prato no que se aproveita a materia prima, neste caso o lagostino,  na súa totalidade, dando como resultado: Lagostino en dous servizos (Lagostino rebozado e frito acompañada dunha salsa de xema, e un arroz cremoso con sabor a lagostino). Un sonoro e cálido aplauso puxo o broche final ao concorrido taller destes dous chef galegos que souberon gañarse ao público polo padal e pola súa simpatía.

Algas, peixes, moluscos e mariscos alagan a cociña do restaurante cada día, e eles combínanos e transfórmanos en pratos visualmente atractivos e que capturan o sabor de cada produto.

Xoán é unha persoa sensible, cunha ampla e sincero sorriso, Beatriz é extrovertida, directa e nobre. Xuntos cultivan día a día cada detalle deste templo gastronómico galego, un do once que ostentan en Galicia unha das cobizadas estrelas Michelin.

—-

Os textos asinados responden exclusivamente á opinión dos seus autores e non forman parte da liña editorial de BenBo, que non sempre se identifica cos mesmos e non se responsabiliza das opiniones vertidas neles. BenBo reservase o dereito de publicar ou editar os textos que reciba sen telos solicitado.

Comparte...