Na presentación do novo viño El Paraguas Atlántico, no Restaurante Paprica

Na presentación do novo viño El Paraguas Atlántico, no Restaurante Paprica

Por Mercedes González

Crónica da presentación do novo viño El Paraguas Atlántico 2014 e cata de Fai un Sol de Carallo 2013, realizada no Restaurante Paprica de Lugo

O pasado 1 de xullo démonos cita na acolledora terraza do Restaurante Paprica do recoñecido Álvaro Villasante, integrante do Grupo Nove, con vistas á muralla de Lugo, membros de Vitislucus- Expertos en Análise Sensorial, hostaleiros lucenses, a sumiller Mercedes González e os creadores desta adega da D.O Ribeiro que saca xa a súa cuarta colleita dende a súa creación, o recoñecido enólogo Felícisimo Pereira que tras varias xeracións no Ribeiro hoxe nos amosa viños contemporáneos que manteñen o seu carácter e o xornalista Marcial Pita.

Fannos partícipes dos seus novos proxectos, da súa plantación de branco lexítimo en Esmelle (Ferrol) da que máis dun seguro xa escoitáchedes falar pero tamén das creacións que se aveciñan e da expansión do seu proxecto.

Nesa presentación en Lugo do El Paraguas Atlántico 2014 atopamos remarcado o seu carácter atlántico e como se mantén a súa tipicidade, remarcouse o seu gusto e tacto, un especial agarre na boca que fala da súa lonxevidade e grande estrutura.

Un viño que, como se adoita dicir, ten de todo e todo no seu sitio. Os varietais: treixadura, albariño e godello. Unha pequena produción que a valoración do crítico Parker con 93 puntos levou a este viño á súa extinción. Afortunados aqueles que reservaran.

Fai un Sol de Carallo 2013, puro glamour, mostra amplitude, complexos matices froito da ensamblaxe dunha selección de treixadura, albariño, godello así como da brotrytis cinerea e a súa maduración en barrica.

Se tivésemos que resumir a xornada: frescura, carácter, gusto, complexidade, goce e aquelas cousas que xa sabedes dá o viño, outro tipo de conversacións.

As harmonías, o sushi, maki, sashimi, nigiri… que algo terán os do Paprica que antes a min non me gustaba o sushi e agora me sabe a pouco. A que tamén será a maxia de segundo que viños? …

Comparte...