O restaurante Paprica, de Lugo, estrea o seu novo formato de carta 2016

O restaurante Paprica, de Lugo, estrea o seu novo formato de carta 2016

Patricia Fernández. Certas temporalidades marcan o principio e o fin de cada etapa, de cada estación e ata dos alimentos que nos atopamos na cociña. A adaptación a todos eses ciclos é algo que o chef Álvaro Villasante, propietario do restaurante Paprica e membro do Grupo Nove, debeu de ter moi en conta, demostrando, unha vez máis, o seu constante afán innovador e a súa vocación creativa na cociña.

Este novo formato de carta está perfectamente ensamblado á temporalidade dos produtos que contén. Os seus pratos son nítidos en sabor, variados en ingredientes pero dunha sinxeleza final moi agradable.

Algúns deles son o Yogurt de mariscos, ao que lle engade amorodos e un mexillón, que potencia a salinidade do prato. Un tartar de vaca vella galega de 8 anos con airbags recheos de mostaza espumosa, de moi acertado contraste.

A Pescada do petisco, é unha das protagonistas da carta e protagoniza os dous seguintes pratos, o primeiro: Alcachofa, pescada do petisco e tomate, na que a pescada se cura dous días en sal e tres en aceite; e Pescada do petisco con caldo de grelos escurrido. Toda a guarnición deste prato é ecolóxica e acompáñase ademais, cunha sopa espumosa de fabas.

O prato de carne vén presidido por un coello confeitado en tomiño, chipirón e vermú. Un auténtico mar e montaña no que destaca tamén o caramelizado da salsa que o acompaña.

Na sobremesa tivemos a oportunidade de probar un queixo Cebreiro curado, que foi o preludio do bocado doce, unha milhoja suave con finísimas follas de hojaldre e unha crema que destaca pola súa lixeireza.

Novo formato, novos pratos e novas conxugacións gastronómicas que fan que o panorama culinario do centro de Lugo latexe con efervescencia .

Novas propostas para gozar.

Comparte...