Fórum Gastronómico volve con máis forza ca nunca a Girona do 24 ao 26 de febreiro

Fórum Gastronómico volve con máis forza ca nunca a Girona do 24 ao 26 de febreiro

Nati Palomo, responsable de prensa do Fórum Gastronómico Girona 2013, preséntanos a nova edición desta cita

Fiel aos seus principios, o Fórum segue innovando. Co dobre obxectivo de servizo ao sector da gastronomía e de ofrecer o máximo de atractivos posibles aos amantes da cociña e os viños, o Fórum incorpora o domingo ao ámbito profesional. Cociñeiros de primeira fila, talleres e aulas con degustación, presentación de novidades, premios e sesións estelares como a dos irmáns Roca o domingo ou a do peruano Gastón Acurio o martes no Auditorio do Pazo de Congresos, conforman un programa de actividades do máis alto nivel.

A Terra, novo paradigma da cociña actual

O programa desta edición ten como tema central, idea motora e fonte de inspiración, a terra. Miradas diversas, propostas distintas, aproximacións plurais, comprometidas e -por que non? contraditorias, teñen tribuna no Fórum. Xefes de cociña e mestres do viño coinciden na idea de que fai falta diálogo, apoio e complicidade cos produtores e de que os alimentos que abastecen á cociña e os viños que nacen na viña deben estar producidos con métodos sostibles. Os cociñeiros, asumindo o liderado que lles outorga a sociedade, demostrarán no Fórum que gusto, pracer e responsabilidade social son perfectamente compatibles.

Relatores

Grandes cociñeiros, líderes mundiais e nova xeración emerxente compartirán territorio culinario nos escenarios do Fórum. Entre moitos outros, os xa mencionados irmáns Roca, o peruano Gastón Acurio, a gran Carme Ruscalleda e mailo seu fillo Raül Balam (que compartirán escenario con Jerôme Quibeuf, chef do Sant Pau en Xapón); e os tamén estrelados Paco Pérez, Xavier Pellicer, Ángel León, Jordi Cruz, Víctor Quintillà, Albert Raurich, Víctor Trochi, o galego Javier Olleros, Josean Alija, Francis Paniego, Oriol Rovira, Artur Martínez, Nandu Jubany, Ricard Camarena, Sergio e Javier Torres, Rodrigo de la Calle ou Fina Puigdevall. David Toutain e Pascal Barbot aportarán o toque parisino ao evento.

Feira e as marcas Fórum

As sesións de cociña no Auditorio (de novo con entrada gratuíta), talleres con degustación final e a Aula Activa (onde 20 persoas poden participar activamente das sesións) veranse complementadas un ano máis coa feira, onde ata 300 empresas presentarán e exporán os seus produtos estrela.

Repiten as marcas Fórum Vino, Fórum Doce e Fórum Empresa. Jordi Roca, Xano Saguer e 12 dos mellores pasteleiros do momento, agrupados no colectivo 21 Brix, farán as delicias dos profesionais da pastelaría e cociña doce. E Josep Roca, César Cánovas, Ferran Centelles e Roger Viusà achegarannos ao mundo do viño e a súa relación coa terra.

Tamén os mellores especialistas participarán no Fórum Empresa, que terá como eixe condutor os novos formatos de éxito nos negocios de hostalaría.

Un Fórum para todos, feito á medida.

———-

Os textos asinados responden exclusivamente á opinión dos seus autores e non forman parte da liña editorial de BenBo, que non sempre se identifica cos mesmos e non se responsabiliza das opiniones vertidas neles. BenBo reservase o dereito de publicar ou editar os textos que reciba sen telos solicitado.

Comparte...