IDENTIDADE

IDENTIDADE

Antonio Portela, O Viticólogo dos Bagos

As pegadas da terra e do home que a traballa foron, e aínda o son, facilmente enlousadas polo cemento das elaboracións ultraintervencionistas e voluminosas, do viñedo extensivo de concentracións forzadas e parámetros produtivistas co obxectivo de cubrir unha demanda xerada artificialmente, na que o marketing foi o que fixo de locomotora dun tren virtual que se ia improvisando en marcha.

Na actualidade o consumo de viño, axudado no seu descenso vertical por modas pasaxeiras, que so serven para encher o bandullo dalgúns e o escenario de parafernalias valeiras para espectadores amantes dos fogos de artificio, a demanda do consumo xa non é desculpa para encher os andeis de viños en serie, sen identidade. Mais ben haberá que ganar de novo os escaparates, as portadas, as copas, os bares, as tabernas, os pubs, de noite, de día, sos ou en compañía… con copas de viños que nos animen a beber polo seu discurso próximo porque sexa traducible en recordos, para estimular o espírito e, no seu caso, emocionarnos e darnos pracer.

Daquela cando atopabamos un viño con esencia, sensacións que, de súpeto, adurmiñados os nosos sentidos tras milleiros de grolos anodinos e clónicos, facíanos revivir recordos gardados na memoria ademais de provocar que un riso de satisfacción e de plenitude se nos plantara na cara, pero, ó mesmo tempo que nos ilumina esa luz escondida pola sucesión de viños estandarizados, non podemos evitar o pensamento de ter perdido enerxías, tempo, investimentos ….

O único camiño que no mundo do viño non ten data de caducidade é o da autenticidade, é dicir o da fidelidade á vocación dunha terriña, das súas castes, do seu clima e da experiencia, no noso caso a miúdo contaminada, de xeracións de viticultores.

Identidade que significa o reflexo da orixe, da pegada da terra, do seu espazo xeográfico (solos, vales, pendentes, formacións naturais, cercanía ao mar, a un río…) da tradición revisitada con fundamentos e respecto, e tamén da personalidade que lle imprime un facedor cando, ademais de respectar ás características particulares desa anada concreta e as mellores potencialidades das súas variedades, lle aporta pinceladas da súa personalidade, froito da súa experiencia, da inspiración ou do simple deixar facer á natureza.

Pódese trocar o que a natureza ten definido nun territorio e que se reflicte en todos os ámbitos da súa existencia, sen que con elo se transforme a esencia mesma do produto, cando o mesmo subconsciente da xente garda gravado a herdanza dos sabores de antano, todas as experiencias de xeracións trazadas no respecto e na lectura da súa terra?.

O minifundismo ten sido considerado na historia contemporánea como unha penalidade que Galiza soporta. Certo ou non o camiño debería ter sido o aproveitamento e explotación do que potencialmente ten de positivo, sobre todo neste mundo vitivinícola con situacións xeoestructurais parecidas caracterizadas pola diferenciación de terroirs e a busca da excelencia.

Este espazo vitivinícola, de mil microclimas, de pegada atlántica, coa súa frescura, que non significa acidez, no minifundismo entendido como microespazos ou microuniversos no sentido das grandes catedrais vitivinícolas do mundo cos seus crus e climats, pero para chegar a algo parecido ao que eses pedazos de chan representan, aínda fica a delimitación e clasificación das vilas, lugares e paraxes.

———-

Os textos asinados responden exclusivamente á opinión dos seus autores e non forman parte da liña editorial de BenBo, que non sempre se identifica cos mesmos e non se responsabiliza das opiniones vertidas neles.

BenBo reservase o dereito de publicar ou editar os textos que reciba sen telos solicitado.

Comparte...