La Contenta, abre as súas portas como eixo do bo picoteo, viños, cócteles e boa música no centro histórico de Vigo

La Contenta, abre as súas portas como eixo do bo picoteo, viños, cócteles e boa música no centro histórico de Vigo

Texto: Patricia Fernández

 Que o centro histórico de Vigo está en plena ebulición é un feito, é o lugar perfecto para a retomada tradición de “ir de viños” ou “picar algo”. O tapeo ábrese paso ao mediodía ou á tardiña e vigueses e visitantes toman as rúas e gozan dese pracer tan noso. As súas rúas empedradas miran ao porto e, entre elas, na que probablemente sexa unha das prazas con maior encanto, acaba de abrir as súas portas La Contenta, un gastrobar decorado ao máis puro estilo vintage no que podemos gozar de exquisitos mini pratos ou pequenas racións a centro de mesa. Un bo exemplo diso son as súas mini hamburguesas, as súas mini empanadillas caseiras ou as súas mini brochetas de polbo. Todo en formato pequeno orientado a compartir e poder probar varias suxestións. Unha cociña nada pretenciosa, sinxela e ben elaborada nunha carta dinámica que irá cambiando tanto nas súas racións, como nas súas ensaladas ou nas súas tapas. Produto galego e de estación nunha oferta gastronómica divertida e variada.

E como non hai dous sen tres, nin tapa sen viño, a súa carta de viños, como non podía ser doutra maneira, tamén gozará de igual dinamismo. Nela priman os viños galegos, no que non faltan os Ribeiros, Rías Baixas ou Ribeira Sacra.

E por se todo isto parecésenos pouco, alí atopámonos cunha barra especializada en batidos, smothies, gin tonics e un amplo abanico de cócteles. Ás súas portas unha ampla terraza fará as delicias de todos os que poidan achegarse a gozar dela este verán entre picoteo, viños, cócteles e boa música.

Propostas como esta transforman o centro histórico de Vigo nun lugar con maxia no que se pode gozar, saborear e brindar.

Alí vémonos?

C/ Joaquín Yáñez, 1, Vigo

Comparte...