Régoa, ou o devir dos anos da Ribeira Sacra nunha botella

Régoa, ou o devir dos anos da Ribeira Sacra nunha botella

Texto e fotografías: Patricia Fernández

A historia de Régoa vai ligada estreita e irremediablemente á de Jose María Prieto, o seu creador, un home do que destacaría dúas calidades: intelixencia e paciencia, factores imprescindibles para emprender un proxecto como este, no que botar abaixo todos os estereotipos e ideas preconcibidas ao redor dos viños da Ribeira Sacra e o seu percorrido vital. Jose María recolleu a testemuña familiar do cultivo de viñedos da zona pero o seu carácter reflexivo converteuno nun adegueiro arriscado e pioneiro no uso de barricas e na elaboración de viños de garda, nesta zona que, ata o momento, contaba cunhas elaboracións tan herméticas dedicadas só a viños de ano. Anxo Anocibar, enólogo de Abadía Retuerta, non dubidou en animalo nesta aventura, na que lle axudaron os seus coñecementos de bioquímica e biotecnoloxía. Tras poñer a primeira pedra, en forma de coñecemento, Prieto plantou as cepas e, tras esperar os anos pertinentes, fixo a súa adega, a cal viu as súas primeiras anadas en 2006 e 2007.

Neses momentos a súa idea inicial mantíñase intacta, facer viños con percorrido que melloren nos seus 10 primeiros anos. Se o “experimento” saía ben sería un investimento máis fiable que a do ladrillo.¡ E vaia se saíu ben…!

Os viños da adega Régoa destacan pola súa complexidade e estrutura en boca. Son viños intensos e con moitos matices, algúns dos cales oscilan ao longo da copa entre a frescura e a barrica. Estamos ante uns viños dun marcado carácter atlántico que presentan tanto en nariz como en boca, unha froita moi intensa e unha acentuada mineralidad. Todos eles están elaborados na mesma leira, 11 hectáreas no corazón de Amandi desde as que xestionan no propio viñedo factores como o PH, algo fundamental para a pervivencia do viño, que nestes viños está no 3,4%; os ponifenoles e os antocianos; así como os aromas, con fermentación de fermentos autóctonos.

Estes viños, tremendamente gastronómicos, están pensados para gañar en matices cada ano, a pesar das premonicións dalgúns. Certo catador internacional de viños escribiu unha vez que o viño Régoa era excelente pero que habería que bebelo antes de que pasase un ano, momento no que lle auguraba a súa morte. Jose María, o propietario da adega, estaría encantado de poder enviarlle a día de hoxe unhas botellas daquel que deu por defunto, para demostrarlle que goza de moi boa saúde.

O pasado xoves 2 de xuño celebrouse unha cata vertical no Centro do Viño de Ribeira Sacra, en Monforte. Territorio neutral no que se deu cita a enólogos e xornalistas desexosos de coñecer máis de preto este apaixonante proxecto contado das mans do seu propio creador e conducidos viño a viño da man de Humberto Loureiro, o catador anfitrión. Desde Régoa 2012, 2011, 2009, 2008, pasando polo Caíño 2013, que aínda non saíu ao mercado, ata os Régoa TN, de uvas seleccionadas. Aquí tivemos a oportunidade de probar auténticas xoias como o TN 2008, TN 2009, espectacular, ou TN 2011, para terminar cun dos tesouros da adega, Iria 2008, un viño piteiro que aínda non saíu da adega dado as dúbidas de Prieto sobre darlle un pouco máis de tempo para que termine de redondearse. Sorprende a gran diferenza de matices entre unha anada e outra, pero todos os seus viños son totalmente reconocibles, cunha identidade propia, unha finura grandiosa e moita mensaxe.

Grazas Jose María por ensinarnos estes tesouros dormentes e por saber esperar o momento idóneo para espertalos. A Ribeira Sacra é susceptible de crianza e aquí está a proba.Os mitos e os credos son loitas heroicas para comprender a verdade do mundo, e aquí xa desmontamos un. Longa vida á Ribeira Sacra!

Comparte...