Sargadelos en Tickets Barcelona

Sargadelos en Tickets Barcelona

Mónica Castelao (Deliciosamente Galego)

Cando Miguel Vila me sorprendeu poñéndose  en contacto comigo para convidarme a participar  na  Comunidade BenBo a través do meu blog Deliciosamente Galego non o dubidei. No blog falo sobre a miña gran paixón, Galicia,  a través dos meus ollos:  os dunha barcelonesa, de sangue 100% galega, namorada da terra dos seus pais. E iso é o que, coa miña humilde achega, vou contar aquí: a miña visión de Galicia “en” e “desde” Cataluña.

E empezarei cun dos meus restaurantes favoritos, onde Galicia está presente desde que cruzas o limiar da súa particular porta…  a pesar de non ser un restaurante galego.

No Paralelo barcelonés abriu hai poucos anos un restaurante que se converteu nun referente na cidade: Tickets, un proxecto conxunto dos archicoñecidos irmáns Adriá (Ferran e Albert ) e os irmáns Iglesias (da famosa marisquería Rías de Galicia, de Barcelona ).

Fun varias veces a vivir a experiencia gastronómica do Tickets porque engancha e porque, como non podía ser doutra forma, utilizan produtos galegos para elaborar algúns dos seus pratos. A min pérdenme os canelóns de aguacate con boi de mar, (repito sempre) , pero tamén se pode saborear Galicia nas navallas en escabeche, perla de azafrán e  cristais de soia, no delicioso lumbrigante á grella, nas algas de tempada, nas  ostras ou no único albariño que teñen na carta.

O local ten un deseño moi orixinal, diferentes ambientes que orquestran un mesmo  “circo”, pero dentro de todo o “caos” resalta a súa vaixela: os pratos que hai nas mesas marcando o sitio de cada comensal son de Sargadelos.

Son o complemento ideal á xa de seu orixinal posta en escena do restaurante. Para unha namorada desta cerámica como eu, foi toda unha sorpresa atoparme estes pratos tan familiares nas mesas; e máis nun restaurante de proxección internacional como este, onde moita da súa clientela é estranxeira.

Non só utiliza os pratos, senón tamén outros complementos como vasos ou rabaneiras , nas que serven por exemplo as súas ostras con escabeche oriental e ovas de salmón.

Dentro do restaurante, preto da porta, hai unha vitrina na que se expoñen algúns dos obxectos que podes comprar para lembrar o teu paso por Tickets, e entre estes obxectos, ademais da carta e camisetas, están os pratos dos que che falaba ao principio. Para que te poidas levar un trociño de Sargadelos á casa.

Se gustas desta cerámica tanto como a min e na túa cidade non hai ningunha tenda na que poidas adquirila, lémbroche que Sargadelos ten en marcha tamén a súa tenda online.  E se queres gozar da experiencia para comer neste restaurante, lembra que has de reservar con dous meses de antelación (ás 00.00 cada día liberan unha data) e exclusivamente na súa web.

———-

Os textos asinados responden exclusivamente á opinión dos seus autores e non forman parte da liña editorial de BenBo, que non sempre se identifica cos mesmos e non se responsabiliza das opiniones vertidas neles. BenBo reservase o dereito de publicar ou editar os textos que reciba sen telos solicitado.

Comparte...