As memorias dunha vida nun libro de cociña

As memorias dunha vida nun libro de cociña

Por Xosé Antonio López Silva (traductor ao castelán de El libro de cocina de Alice B. Toklas)

En 1954, oito anos despois do seu finamento, Gertrude Stein era xa unha figura tanto de referencia coma de reverencia nas letras norteamericanas. Alice B. Toklas, con 77 anos, vive nunha situación precaria, sen apenas recursos económicos propios.

O editor Simon Michael Bessie propúxolle, a iniciativa persoal e co apoio de amigos comúns como o fotógrafo Carl Van Vechten, escribir un libro de memorias sobre a súa vida con Stein e as relacións de ambas cos diferentes escritores e artistas que foron pasando polo seu apartamento do número 27 da Rue de Fleurus. Ela, ao principio, negouse, alegando que “Gertrude escribiu a miña autobiografía e iso é algo que xa está feito”. Sen embargo, ao apreciar a contrariedade do editor, engadiu timidamente: “O que sí podería facer é un libro de cociña. Por suposto, estaría cheo de lembranzas”.

Alice cumpliu con creces a súa promesa, porque O libro de cociña de Alice B. Toklas, como tal, non é un libro de cociña. Tampouco un libro de memorias. Nin sequera unha mestura de ambos. Os seus capítulos non seguen unha orde cronolóxica estrita, senón que pasan dun tema a outro, engarzados entre persoas e anécdotas e, nese terreo, as receitas actúan como a argamasa que lle dan unidade ao libro, e así coma ás mesmas lembranzas de Alice, da vida con Stein, da vida en París durante a Primeira Guerra Mundial e os felices anos posteriores, ata o tempo de atopar o seu refuxio no Bugey e Bilignin durante a ocupación nazi.

Mesmo tamén Alice expón entre receita e receita, as exquisitas esquividades do azar que foi o que, en boa medida, lles permitiu sobrevivir nos momentos realmente perigosos da Guerra, atrapadas durante a ocupación e na obrigatoriedade de hospedar na súa casa a oficiais alemáns, condenadas de antemán dende 1942, sendo como eran unha parella sentimental de intelectuais americanas e xudeas.

O libro pasa en momentos a ser protagonizado por personaxes secundarios como a camioneta Ford na que durante a Primeira Guerra Mundial percorreron o leste de Francia organizando hospitais, parando en restaurantes e bistrós onde os pratos remataban por se converter nunha especie de guía persoal do camiño e as viaxes, ata os anos máis duros da contenda, a partir da caída de Francia, en 1940, coa situación empeorando a vida cotiá, albiscando diariamente a pantasma da fame -o máis afastado, en teoría, do que debería ser a temática dun libro de cociña-.

Neses intres, as receitas pasan a ser un refuxio fronte aos tempos que toca vivir porque elas mesmas convértense en mecanismos de resistencia: por se adaptaren ao racionamento convertendo en pastel de pouca carne as racións exiguas das que dispoñen, e así facelas render, ata un dos momentos máis conmovedores do libro, cando Alice, esfameada, acha refuxio na lectura dos grandes e luxosos libros de cociña franceses do XIX e alí atopa lecer e conforto ante a dureza do presente que están a vivir. Libros que son unha declaración de amor, porque Gertrude procuraba conseguirlle un cada ano, a través das liñas dificultosas dos amigos da Resistencia.

Daquí deriva un dos grandes achádegos deste libro: as receitas, mesmo na súa enumeración, nunca son algo frío e manualístico en Alice Toklas. Cada unha delas está concibida e escrita como unha pequena obra literaria, unha chef d´oeuvre con principio pechado e con final aberto segundo cada lector, pero que teñen vida propia e nos falan, asemade, de anacos de vida que se fixeron importante por elas mesmas. Por iso, as receitas tamén forman parte, non só da vida da autora, senón tamén dunha época. Falan do Sur dos EEUU de finais do XIX do mesmo xeito que amosan a sinxeleza dun país, a creatividade dunha rexión ou dun cociñeiro, e ata a desidia doutro. Alice consegue o que semella imposible: recrearse a si mesma e a súa época a través da viveza das receitas que forman parte tanto dela mesma coma de todos eses anos e vidas.

O libro posúe, ademais, outros intereses. Non é pequeno o profundo e intelixente sentido do humor con que están aderezadas todas as súas páxinas. Alice non é unha persoa pesimista. Mesmo nos momentos máis duros, a súa mirada tinxe de ironía moitas escenas, como ao evocar unha reunión clandestina de amigos que deciden acudir en tropel festivo ao restaurante dun afamado chef sito a unhas cantas millas, cando se enteran de que agora ofrece “discretos xantares” contravindo ás estritas ordes militares de tempo de guerra.

Ata ese chef, do que non dá o nome, achégase un grupo variopinto, ao que non lle queda máis remedio que recorrer aos máis diversos medios de locomoción para chegar, incluíndo un colorido carromato de cans de circo tirado por un percherón, que posteriormente pintarán dun color azul mariño escuro, por aquilo de acadar unha maior discreción en tempos difíciles. O mesmo seu editor, Bessie, definiu O libro de cociña… como un libro único escrito por unha muller única. Alice, malgré elle, non puido nunca ser actriz secundaria. Cada páxina respira literatura e un profundo amor pola vida, na súa concepción desta como un privilexio enriquecido polos países, polas persoas, pola arte, e como non, pola cociña entendida como outra arte, a que dende o cotiá consegue recrear tempos, e lugares. Vencellar lembranzas. Escribir ela mesma as memorias dunha vida.

———-
Os textos asinados responden exclusivamente á opinión dos seus autores e non forman parte da liña editorial de BenBo, que non sempre se identifica cos mesmos e non se responsabiliza das opiniones vertidas neles.
BenBo reservase o dereito de publicar ou editar os textos que reciba sen telos solicitado.

Comparte...