Tres adegas baixo o sol do Condado

Tres adegas baixo o sol do Condado

Carmen Fernández. Baixo o título Maridaxe non sol do Condado, o Auditorio das Neves acolleu recentemente a presentación dunha cata vertical das elaboracións das tres adegas que acolle este municipio: Abadía de Tortoreos, Señorío de Rubiós e Viña Nora nun acto no que non faltou outro dos grandes produtos da zona, o requeixo das Neves, que se puido degustar ao finalizar o acto en diferentes elaboracións. O evento, que estivo conducido polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, serviu para destacar o valor e a potencialidade que teñen as empresas deste sector, que recollen a tradición na elaboración dun produto e que son as encargadas de preservalo e poñelo en valor no mercado, un obxectivo ao que a administración pública debe contribuír.

Cada unha das adegas participantes tivo oportunidade de explicar a súa filosofía de traballo e o tipo de viños que elaboran. Así, Antonio Méndez, responsable da Adega Señorío de Rubiós, destacou a gran aposta de Señorío de Rubiós polos tintos D.O. Rías Baixas, dos que anunciou a chegada en 2016 doutros oito novos viños destas varieadades tintas. Elaborados a partir de viñedo propio e da uva recollida a 200 viticultores do Condado, os viños de Señorío de Rubiós inclúen, ademais, plurivarietales, coa Treixadura como principal protagonista. Fernando Arija, enólogo que acaba de comezar a súa andaina en Viña Nora, pertencente ao Grupo Inveravante, foi o responsable de explicar a filosofía desta empresa, pertencente ao Grupo Inveravante, que busca en todas as súas adegas a singularidade dos seus viños, con viñedos de baixas producións e elaboración de cada unha das variedades por separado, traballando moito a viña. Viña Nora elabora aproximadamente 200.000 botellas de tres marcas, Nora, Viña Nora e Nora de Neve.

Abadía de Tortoreos por último, é unha adega de corte familiar de produción moi curta, entre 7.000 e 10.000 botellas. Cunha aposta pola selección manual das uvas e por evitar en gran medida os tratamentos fitopatológicos, os seus viños son novos, frescos e aromáticos. O seu director comercial, Eduardo Piñeiro, explicou que actualmente producen dúas marcas, Abadía Tortoreos (viño novo) e Tortoreos Barrica aínda que anunciou que a intención é sacar unha terceira marca, un condado branco.

O acto contou con participación de profesionais e medios do sector, co obxectivo de potenciar o coñecemento dos produtos elaborados na zona e mellorar a súa comercialización e consumo.

Comparte...