VINOSACRA.ES, TENDA ONLINE ESPECIALIZADA EN RIBEIRA SACRA

VINOSACRA.ES, TENDA ONLINE ESPECIALIZADA EN RIBEIRA SACRA

Patricia Fernández

Recentemente presentouse en Chantada o portal Vinosacra.es, que nace como un ambicioso proxecto empresarial creado e dirixido por Bruno Lovelle Fernández, sumiller profesional fincado en terras chantadinas e apaixonado pola enogastronomía da “eterna” Ribeira Sacra.

Esta dedicación á viticultura heroica levouno a emprender o seu propio negocio profesional que culmina coa creación dunha completa páxina web con tenda online de viños e outros produtos da D.O. Ribeira Sacra.

Vinosacra.es combina tres grandes obxectivos a través do medio online: a comercialización de viños D.O. Ribeira Sacra e outros produtos da terra; a internacionalización de información sobre a Ribeira Sacra como contorna natural e a comunicación activa do usuario/cliente con vinosacra.es.

Os viños aparecen divididos por tipos: branco, tinto ou rosado; ou por subzonas: Amandi, Chantada, Ribeiras do Sil, Ribeiras do Miño e Quiroga-Bibei.

Pero vinosacra.es non é soamente un portal de venda de viños, nel podemos atopar información sobre o ciclo da uva, empezando pola explicación do que é unha vide como orixe do viño, pasando polos diferentes estados da mesma, destacando factores externos como o quecemento global e a importancia do chan no viñedo. Así como un apartado de viticultura no que o destaca como un factor de calidade, explicando ademais diferentes e variadas prácticas culturais (laboreos do viñedo, podas…) cun pequeno apartado das enfermidades máis comúns que afectan á vide. Outra das seccións cargadas de interese é “A guía do viño”, nela fálase de vinicultura, explicando tipos de vinificacións máis comúns en España, e tamén fala das madeiras, de tipos de crianza, ou elaboracións especiais como poden ser a crianza sobre lías, entre outras.

Finalmente chegamos á copa e atoparemos o apartado de “A cata de viños” no cal nomean de forma intuitiva e esquemática os tipos de cata, as diferentes fases e peculiaridades de cada unha delas destacando finalmente un pequeno espazo despregable das posibles maridaxes, así como outro para a xente máis inquieta e con ganas de aprender acerca do mundo das catas de viño, no que atoparán un vocabulario especifico de cata de viños.

A parte do “Club do viño”, así como a parte “Gourmet”, aínda están en construción. Pero o seu obxectivo xa está definido, a idea do “Club do viño” é que funcione como unha plataforma de unión e colaboración para todo o sector vitivinícola, produtor e comerciante da Ribeira Sacra, achegando información útil para os adegueiros e produtores, como escaparate de promocións ou como modo de crear sinerxías conxuntas para feiras e exposicións. Tamén a utilizarán como medio de difusión para anuncios de compravenda de terreos, produtos relacionados co mundo do viño (viñedos , maquinarias) e, en definitiva, convertelo nunha plataforma na cal a xente que estea relacionada co  sector vinícola e produtor, poida empregar como lugar de intermediación, e atopar desde terreos ou viñedos, ata ferramentas e maquinaria, ademais de poder difundir información útil concernente a estes sectores.

A parte “Gourmet”, que se incluirá proximamente, dará a coñecer e porá a disposición do consumidor todos eses produtos, ademais do viño, que se producen na Ribeira Sacra (meles, aceites, augardentes, queixos, conservas…). Propondo uns “packs” nos que cada produto poderá ir acompañado dun viño ou viceversa, tentando desta forma promover e axudar a difundir tamén os variados produtos desta zona.

Ademais disto, no blog, creado desde hai un ano e que foi o precursor do proxecto, poderemos coñecer aínda en maior profundidade as adegas da Ribeira Sacra e as súas peculiaridades (podas, prácticas culturais, información de feiras e eventos especiais, premios…), así como todo o relacionado coa D.O. a través de entrevistas, artigos e reportaxes.

Como podemos comprobar, vinosacra.es supón unha gran fonte de información achega da contorna da Ribeira Sacra e os seus viños, así como sobre a viticultura en xeral e sobre o viño en particular. É un lugar onde pór en valor a marca “Ribeira Sacra” e os seus produtos de primeira calidade, a súa filosofía e a súa esencia. Supón unha oportunidade para que os produtores remen nunha mesma dirección, a de mellorar e demostrar ao mundo o enorme potencial deste pequeno paraíso que aínda está por descubrir.

 —

Os textos asinados responden exclusivamente á opinión dos seus autores e non forman parte da liña editorial de BenBo, que non sempre se identifica cos mesmos e non se responsabiliza das opinións vertidas neles. BenBo resérvase o dereito de publicar ou editar os textos que reciba sen solicitalos.

Comparte...