A Casa Vella leva xa as súas patacas fritidas en sartén por toda España

A Casa Vella leva xa as súas patacas fritidas en sartén por toda España

Feitas con produtos de primeira calidade, en seis meses conseguiron situar o seu produto elaborado en Fene en cadeas de supermercados de todo o país.

A Casa Vella é unha recén chegada ao sector agroalimentario galego, pero o fixo pisando forte. Estas patacas fritidas, elaboradas en Fene cunha excelente materia prima e envasadas nun orixinal paquete con fotografías en branco e negro que nos lembran os veráns da nosa infancia, están a demostrar que a calidade non ten por que estar rifada co prezo, ofrecendo unha pataca frita de alta calidade que está a conquistar os supermercados de España.

Unha singularidade que diferencia a este produto é a súa fritura, que se fai nunha tixola en lugar de en un tren de frito, como é habitual nos procedementos industriais. A pataca de orixe galega, lávase antes de pelala para que non perda a súa fécula e frítese nunha combinación de aceite virxe extra das variedades picual e hojiblanca, moi ricas en oligoelementos. Aínda que elaboran patacas tamén sen sal, as convencionais aderézanse coa que está considerada como unha das mellores sales do mundo, o sal do Valle de Añana, en Álava, cunha pureza que se debe tanto á orixe milenaria dos depósitos de sal como á súa extracción a través de procesos artesanais que garanten a súa pureza.

En proceso de expansión

E é que os responsables da Casa Vella, o matrimonio formado por Carlos Calvo e Pura Rodríguez, teñen claro que a aposta desde Galicia ha de ser pola calidade e a diferenciación do seu produto como vantaxe para situalo no mercado. E a aposta non lles está saíndo mal. A empresa, cuxo xerme comeza en 2013 aínda que non se funda até xaneiro 2014, comezou a distribuír os seus produtos en xaneiro de 2015. E nestes seis primeiros meses de vida, xa podemos atopar as patacas A Casa Vella en moitas das nosas cadeas de alimentación como El Corte Inglés de Galicia, Asturias e León; os Carrefour de Galicia e Asturias; Alcampo ou Grupo Cuevas en Ourense, así como outros hipermercados de León e Asturias. Acaban, ademais, de asinar con Eroski para que os seus produtos estean presentes nestes supermercados a nivel nacional. Con esta expansión, que Carlos recoñece que está a ser mesmo máis rápida do que esperaban, pronto terán que incrementar produción, que actualmente está ao redor das 2.500 bolsas diarias.

Aire vintage

“Emprender non foi doado pero apostamos pola pataca e cremos que a fábrica era a mellor solución”, explícanos o xerente. Tanto el como a súa muller coñecen o sector agroalimentaria, el desde o punto de vista da comunicación e ela desde o da comercialización, pero levantar unha fábrica foi complexo. “A administración axuda o xusto e os bancos absolutamente nada”, aseguran, así que a empresa é practicamente familiar, polo que o nome “A Casa Vella”, que rememora a casa na que Pura pasada os veráns da súa nenez, pareceulles un nome ideal para o seu produto. Completaron a imaxe con cores e fotografías con certo aire vintage, nas que usaron as súas propias fotografías familiares dos veráns da súa nenez, buscando ofrecer a mellor pataca frita cunha relación calidade/prezo insuperable e que chegue ao consumidor en óptimas condicións. Para iso o envase, ademais dun orixinal deseño, conta con tres capas no que introducen unha atmosfera protectora que garanta que a pataca se consuma case como acabada de fritir.

O resultado é un produto que está a obter unha gran acollida e que, aínda que preferentemente comercialízase a través da canle Horeca, tamén estanse vendendo en tendas gourmet de Cataluña e Baleares, con negociacións abertas para comercializalas tamén noutras tendas e cadeas de distribución de toda España.

Comparte...