José Manuel Pérez Canal, coxerente de Aceites Abril: “Queremos seguir medrando na internacionalización dos nosos produtos”

José Manuel Pérez Canal, coxerente de Aceites Abril: “Queremos seguir medrando na internacionalización dos nosos produtos”

Continuamos coa entrevista ao coxerente de Aceites Abril, para saber máis sobre o aceite galego e o sector

José Manuel Pérez Canal, coxerente da firma olivareira Aceites Abril, responde ás nosas preguntas nunha entrevista en dúas partes con motivo da presentación do seu primeiro aceite 100% galego

O día da presentación, nunha conversa informal, un labrego comentábanos que tiña pensado plantar oliveiras de modo intensivo, pero que o minifundio lastraba as súas posibilidades. Hai máis problemas para este desenvolvemento?

O tema do minifundio está presente nos nosos campos e para moitos agricultores isto formula retos. Non obstante, a experiencia dinos que a maioría destes agricultores conseguen sacar adiante os seus proxectos. Moitos deles optan por engadir ás súas terras as lindantes. A maioría deles conseguen os metros necesarios para plantar segundo as súas expectativas e de acordo cos seus intereses. Algúns agricultores empezan polos terreos de que dispoñen e despois van ampliando estas con novos terreos. Por iso neste tipo de terreos a mellor opción é a plantación de alta densidade, a forma de aproveitar mellor a terra dispoñible.

A idiosincrasia de Galicia ou as particións de terras polas herdanzas fan de Galicia un lugar complexo para conseguir grandes extensións de terreo. Quizais o futuro pase polo impulso do cooperativismo onde se produciron varios casos de éxito en Galicia.

Actualmente, a vosa gama que produtos contén? Cales son as vosas cifras de produción?

Aceites Abril ofrece unha ampla gama de aceites de oliva, de oruxo, de xirasol, de sementea e de aceite especial para frixideiras, en distintos formatos e con toda a variedade necesaria para satisfacer as esixencias demandadas do mercado actual e dunha gastronomía en constante evolución. Froito desta evolución puxemos recentemente no mercado unha nova gama de monovarietais: Arbequina, Hojiblanca e Picual.

Tamén contamos cunha gama Gourmet composta polo noso “Gotas de Abril” e “Aouris“. Virxe Extra, Gran Selección, Ecológico, Suave, Intenso… Un aceite para cada padal ou utilidade. Ofrecemos aos nosos clientes produtos adaptados aos formatos e ás demandas necesarias para a restauración.

Ademais do embotellado, somos distribuidores de aceite a granel mediante cubas e cisternas para industrias alimentarias ouconserveras, por poñer un exemplo. Toda a nosa gama de produtos está dispoñible na nosa web e a tenda on-line.

A nosa cifra de produción en 2014 pecharase en torno aos 80 millóns de litros.

Aceites Abril leva varios anos aumentando a súa presenza pública, compensa?

Levamos case 55 anos convosco. Neste percorrido que comezou nun modesto local da rúa Mercado de Ourense pasaron moitas cousas.

Pasamos de vender os veciños e veciñas da nosa rúa, a levar os nosos produtos a 33 países nos 5 continentes. As necesidades dos nosos clientes cambiaron e nós con eles.

Compensa mostrar a quen somos e o que facemos? Compensa apoiar iniciativas gastronómicas ou proxectos educativos que fomenten o deporte infantil e as prácticas saudables? Compensa impulsar aquilo no que cres? Pensamos que si. Pensamos que como empresa temos tamén unha responsabilidade social e, na medida das nosas posibilidades, procuramos estar onde cremos que debemos estar.

E, evidentemente, o crecemento conseguido e os plans de futuro, esíxennos un esforzo en visibilidade que nos reforce como marca e nos axude a seguir crecendo, sen perder a identidade e os valores de empresa familiar que nos trouxeron ata aquí.

E plans para o futuro?

Os plans de futuro inmediato pasan pola consolidación e mellora no posicionamento dos mercados onde xa estamos presentes como o español. Seguir crecendo na internacionalización dos nosos produtos, presentes xa en máis de 30 países, e que supoñen preto do 25% das nosas vendas.

Outros proxectos que marcarán o noso crecemento nos próximos anos serán a posta en marcha do noso centro loxístico de Vilagarcía de Arousa que contará con tanques de almacenamento de 5.000 toneladas, pensado para o transporte marítimo, e da nosa refinaría de Ourense, con capacidade para procesar 400 toneladas diarias de aceite, o que nos permitirá ser máis competitivos ao pechar todo o ciclo de produción na empresa.

Ambas as dúas infraestruturas estarán en funcionamento nos primeiros meses de 2015.

Primeira parte da entrevista a José Manuel Pérez Canal, coxerente de Aceites Abril

Comparte...