José Manuel Pérez Canal, coxerente de Aceites Abril: “Todo o ciclo de produción do noso aceite galego desenvólvese en Galicia. Dende o cultivo ata a mesa”

José Manuel Pérez Canal, coxerente de Aceites Abril: “Todo o ciclo de produción do noso aceite galego desenvólvese en Galicia. Dende o cultivo ata a mesa”

Entrevista ao coxerente de Aceites Abril, para sabermos máis sobre o aceite galego e o sector

Aceites Abril presentou o seu primeiro aceite 100% galego un momento que se pode cualificar de decisivo na súa traxectoria. José Manuel Pérez Canal, coxerente da firma olivareira ourensana, responde ás nosas preguntas nunha entrevista en dúas partes.

Aceite galego 100%. Pregunta directa. Como é?

É un aceite con frutado intenso, moi equilibrado na boca, con matices moi altos de mazá verde, herba fresca e améndoa.Retrogusto final con froitas maduras tales como o plátano.

Un aceite singular e delicioso segundo nos trasladan os que o probaron.

Aceite galego, aceite envasado en Galicia, aceite de olivas recollidas en Galicia… que ten que saber o consumidor para non se liar?

Trátase dun coupage elaborado a partir de olivas procedentes de oliveiras galegas seguindo uns estritos controis de calidade en cada etapa do proceso.

O noso aceite galego procede dos oliveirais dos agricultores que xestionamos nas catro provincias, elabórase na nosa propia almazara e envásase nas nosas instalacións de San Cibrao das Viñas, Ourense. Todo o ciclo de produción desenvólvese en Galicia. Dende o cultivo ata a mesa ou consumidor.

Dispomos dun sistema de trazabilidade que controla, en todas as fases do proceso, aspectos como a produción de cada agricultor que permite identificar cada terreo. Isto realízase mediante fichas personalizadas de cada oliveiral e que identifican o propietario, o número de oliveiras, a súa produción en quilos e litros de olivas e aceite, localización, variedades, etc.

Cales son os plans para este aceite? Cantas botellas sairán ao mercado e cales son as previsións para os próximos anos?

A produción deste ano que sairá ao mercado será de 3.000 botellas numeradas de 250 mililitros que están á venda na nosa tenda on-line www.aceitesabril.com/tienda/es ou na nosa fábrica de San Cibrao das Viñas.

É unha produción pequena nun ano onde a climatoloxía xerou descensos na produción en torno ao 50% en Galicia e tamén no resto de España.

O feito de que a maior parte das oliveiras plantadas nos últimos anos aínda non estean en produción ou estean a dar as súas primeiras colleitas, fará posible un crecemento exponencial moi marcado nos próximos anos pero difícil de cuantificar nestes momentos.

Cal foi o camiño para chegaren ata este produto?

Realizouse un traballo serio e responsable, dando soporte técnico aos agricultores que apostaron por este cultivo. Axudóuselles a elixiren os terreos máis propicios para o cultivo e tipo de plantación a realizar.

Unha vez realizada a elección, facilitáronselles as pautas técnicas necesarias para facer unha plantación coas maiores garantías de éxito; realizando un seguimento despois da plantación, aconsellando aboamentos, fitosanitarios e todo o necesario ata chegarmos ao momento no que a oliveira dá o seu froito; aconsellando o mellor momento para a recolección e así poder obter un aceite de excelente calidade.

En que coordenadas se pode mover a produción de aceite galego?

Aínda que Galicia está dentro dos límites aceptables para a plantación de oliveiras, non hai que obviar que non sempre dispomos de clima mediterráneo na nosa rexión, que sería o máis idóneo para a plantación de oliveiras. Pero gozamos doutros condicionantes climáticos que nos axudan a salvar estes posibles inconvenientes.

Dispomos de moitos microclimas que fan posibles que en lugares onde existe un clima atlántico ou oceánico sexa posible a olivicultura moderna. Ademais o cambio climático está a afectar de xeito sobresaínte en Galicia e o noso clima estase a volver máis benigno, o que favorece tamén a este cultivo.

É certo que a frecuencia de chuvia podería ser, a priori, un inconveniente pola humidade, pero evítanse terreos susceptibles de enchoupamento, ás veces plantando en cabalóns. Outro elemento que axuda ao éxito desta olivicultura moderna é a elección da variedade máis propicia. A nosa experiencia dinos que a variedade Arbequina é a que mellor se adapta ao noso chan e clima.

Por outro lado, a elección do tipo de plantación que se utiliza vén marcada pola cantidade de terreo dispoñible. Vivimos aínda nun sistema de minifundios, o que dificulta facer plantacións de certa entidade. Non obstante para as persoas que dispoñen deste tipo de terras, a plantación de alta densidade permítelles poder aproveitar os seus terreos e obter con iso diferentes rendementos.

Sábese que en Galicia había oliveiras que, por avatares históricos, case desapareceran. O proceso é realmente reversible?

O cultivo do oliveiral está a ter un auxe importante por ser un cultivo alternativo e que ademais é compatible co resto de cultivos como a vide.

Ter outras opcións, o poder diversificar, permite ao agricultor asegurar os seus ingresos con dous ou tres elementos diferenciados que non se solapan nos seus labores de campo, dando unha visión máis positiva do campo galego.

Dende o ano 2006 puxémonos a traballar na recuperación do oliveiral galego. Nos últimos anos démoslle un impulso moi importante coa creación do Departamento Agro de Aceites Abril. Un departamento que ten entre as súas funcións fundamentais o asesoramento, ao apoio e a xestión así como a promoción do cultivo da oliveira entre os agricultores galegos, coexistindo con outros cultivos tradicionais e poñendo en produción terreos que estaban abandonadas ou sen uso en moitos casos.

Por suposto que cremos que a recuperación do oliveiral galego é posible, e o demostran as máis de 300.000 oliveiras plantadas en 151 hectáreas dos últimos 3 anos, en colaboración con máis dun cento de agricultores e novos emprendedores galegos que buscan pór en valor o fantástico medio rural que temos en Galicia.

O noso aceite 100% galego é unha mostra máis de que o compromiso de Aceites Abril cos agricultores galegos é firme e claro.

Continuaremos o camiño comezado… Estamos no punto de partida de algo que pode ser moi interesante para o futuro de medio rural en Galicia, e unha importante fonte de riqueza por explotar. Por non falar dos beneficios sociais que supoñerían fixar poboación no rural e a recuperación ou a mellora produtiva do noso campo.

Falamos dun produto cuxa demanda non para de crecer en novos mercados a medida que descobren as súas propiedades saudables e, sobre todo, o seu sabor e versatilidade.

Segunda parte da entrevista a José Manuel Pérez Canal, coxerente de Aceites Abril

Comparte...