Adrián Felípez, un cociñeiro con area nos pés

Adrián Felípez, un cociñeiro con area nos pés

Consultoría gastronómica, surf, Bo.Tic, Malpica, CIF Compostela y Celler de Can Roca, remexidos nunha sóa persoa?

Adrián Felípez é un cociñeiro novo pero inquedo, que tras formarse en Galicia estivo en Cataluña para volver agora cunha iniciativa propia de consultoría, Adrián Felípez Gastroconsulting.

Nesa liña, Felípez imparte dous cursos formativos dentro do proxecto de dinamización turística “Malpica. O mar de Sisargas”: Cociña local: coidar os nosos tesouros e Microgastronomía. Taller de tapas (práctico, o martes 8 de outubro).

Onde te formaches?

Na Escola de Hostalería de Santiago de Compostela , CIF Compostela.

Es o responsable de Adrián Felípez – Gastroconsulting. Cando comezou esa aventura?

Adrián Felipez Gastroconsulting comezou nun momento difícil para a hostalería. Eu voltaba de Cataluña hai agora un ano e vin a necesidade de refrescar e de actualizar moitos modelos de negocio de aquí.

Que servizos ofreces a través desta empresa?

Principalmente, o que fago é restaurar actualizando negocios relacionados coa hostalería e coa alimentación, así como poñer en marcha novos establecementos ben do ramo hosteleiro ou alimentación en xeral, creando unha marca, o modo de ofertala e o seu desenvolvemento posterior no mercado. Tamén, cada vez máis fago cursos formativos xa sexan continuados ou monográficos. Temos que estar en continua formación!

Pero ata o teu retorno xa tiveras unha traxectoria interesante. Que destacarías do teu percorrido?

Para min foi duro o inicio en Cataluña. Era moi novo, acababa de rematar os meus estudos e alí deime conta do esixente que é a hostelaría. Pasando de establecementos turísticos a outros puramente de cociña ecolóxica, aprendín o importante que é ter, e manter, unha disciplina culinaria. Temos que ter en conta que comemos todos os días, de aí que teñamos que darlle a importancia que realmente ten. Ensináronme a pensar, gastronomicamente falando. No restaurante Bo.Tic tiven o meu primeiro contacto coa alta cociña e alí acadamos a estrela Michelín con Albert Sastregener, gran chef e amigo ao que lle teño moito que agradecer. Pisei, para min un dos ceos da gastronomía: o Celler de Can Roca con tres estrelas Michelín e considerado o mellor restaurante do mundo. Alí puiden absorber coma unha esponxa coñecementos e modos de traballo que me axudaron a ser quen son na cociña.

Saíches de Galicia por algún motivo especial?

Creo que é moi importante saber o que está a pasar fóra, aínda que hoxe en día temos moitos medios, é moi necesario sentir, ulir…. máis alá das catro paredes. Quería formarme, sentimento que aínda teño dentro, e Cataluña é para min un dos berces da gastronomía e dos negocios.

Malpica. O Mar de Sisargas quere fomentar a profesionalidade nun sector con moito de tradicional. Como avaliarías o sector galego?

Temos un potencial incrible e unha despensa das mellores. Debémoslle sacar aínda máis partido e no tinteiro temos moito que sacar. Non obstante, creo que comezamos a movernos con solidez e crendo por fin no que temos e no que somos.

Un dos traballos de Gastroconsulting derivou no ArtBar da praia de Razo (Carballo). Como o definirías?

Así como en outros establecementos anteriores, o reto era normal, digamos que ArtBar para min era un reto diferente, vinculado ao mar e ao deporte do surf, un local con moito volume de traballo, tempada de verán e moitas présas. Simple, rico, fácil e veraniego! Con area nos pés!

Únense ben iso do surf coa cociña?

Únense moi ben. É moi pracenteiro poder eliminar tensión collendo unhas boas ondas. O único punto malo é que coincida o mellor punto de marea en pleno servizo!

 E a túa cociña… Como a describirías? Tírate ao mar?

Produto-Respeto-Creatividade, así se define a miña cociña. Eu sen mar cerca nunca souben vivir.

Cal foi a última cousa que te sorprendou neste mundo? Ou estamos “anquilosados”?

O pracer da simpricidade fóra de deberizacións.

Máis información:

https://www.facebook.com/mardesisargas

 https://www.facebook.com/AdrianFelipezGastroconsulting

Comparte...