Amarelante proxecta secar castañas e elaborar fariña en Manzaneda

Amarelante proxecta secar castañas e elaborar fariña en Manzaneda

Amarelante Sociedade Cooperativa Galega é un proxecto nacido como unha proposta “entre amigos” cunha situación laboral incerta e coa idea clara de pór en marcha un proxecto de “sustentabilidade económica e ecolóxica” cunha materia prima específica: as castañas.

Era un xeito de buscar unha saída a unha situación laboral que “non sabemos o que vai durar”, explica Sonia Couso, unha das promotoras do proxecto que ten a súa base no Concello de Manzaneda.

Con estas premisas comezou o proceso de constitución da cooperativa en febreiro de 2013, aínda que a complexidade burocrática retrasou uns meses a posta en marcha efectiva.

Sorteados os trámites administrativos, comezou o traballo de produción e venda de castaña natural. Iso obrigaba a ter soutos, e “ninguén tiña tantos castiñeiros” como para poñer en marcha “unha actividade viable”. Pero en Manzaneda si había “moitos abandonados” e, tras acordar algún alugueiro “comezaron a vir outros” a cambio, en ocasións, do “mantemento” do monte.

“Primeiro buscamos e despois nos ofrecían”, indica Sonia Couso. E foi así ata tal punto, que chegado un momento tiveron que parar porque “non tiñamos máis capacidade”, aínda que isto pode mudar no futuro.

E aínda que nos tempos nos que vivimos poida resultar rara a cesión de soutos sen pedir a cambio un aluguer, isto responde precisamente á situación do territorio. “Falamos de xente maior” que en moitas ocasións non é capaz de atender as súas propiedades e que queda satisfeita se alguén llas coida.

Máxime, tendo en conta que Manzaneda é un territorio afectado –coma case todos- polos incendios forestais e que o coidado do monte é unha das mellores medidas de prevención contra os mesmos.

Secado e fariña de castaña

Logo dun ano de recollida e venda de castañas, a finais deste 2014 podería estar en marcha un centro de procesado deste produto.

Un paso máis na cooperativa afincada en Manzaneda, un territorio que, como moitos na provincia de Ourense, sofre o envellecemento e o despoboamento.

Así, cun plan económico e de viabilidade detrás e co obxectivo de crear un proxecto “global”, a cooperativa instalará unha nave para o secado de castaña e a elaboración de fariña de castaña.

Ademais, traballa para obter a certificación ecolóxica dos seus produtos e xa hai xente interesada nos mesmos, sobre todo por parte de negocios adicados á venda de “produtos de calidade diferenciada”.

O rol social

Ademais de ser un proxecto de sustentabilidade económica e ecolóxica co que atopar “un posto de traballo”, Amarelante ten un enfoque claramente social co que se pretende contribuír a “desenvolver o territorio onde estamos”. “Gústanos traballar coa comunidade. Non só queremos sacar rendibilidade económica”, argumenta Sonia Couso.

E froito diso están algunhas das accións que xa leva feito esta cooperativa no seu escaso tempo de vida. Organizouse un campo de traballo coa universidade no que os participantes puideron coñecer os traballos de conservación que se realizan. Tamén se recuperou a figura do ‘Pandingueiro’ en Manzaneda e se organizaron actividades coma o Samaín e  o magosto.

Inconvenientes

Coma en todo, hai pros e contras e no proceso de creación da cooperativa tamén existiron inconvenientes, sempre relacionados coa burocracia e a tramitación administrativa. “Hai que ter moitas ganas para montar unha cooperativa” e non só polos requisitos, senón “pola cantidade de voltas que hai que dar dun lado ao outro” cos papeis.

Unha crítica, pois, á falta de simplificación de trámites e ao feito de que sexa o administrado o que ten que asumir paseos constantes para crear proxectos económicos. “Neste país non se montan empresas porque é moi complicado”, indica Couso.

Comparte...