ANNA MAYER INTRODUCE O CALDO GALEGO NO RISOTTO

ANNA MAYER INTRODUCE O CALDO GALEGO NO RISOTTO

Anna Mayer, a cara detrás de Panepanna, organiza talleres en Galicia e contéstanos a unhas preguntas. A primeira cita é o día 14 de xaneiro, con risottos ata de caldo galego! no Proxecto Garum.

Risotto de inverno con caldo galego… Como naceu a idea?

O risotto ten tres factores fundamentais: o arroz, a técnica e o caldo. Sempre explico que tendo un bo caldo xa temos un bo risotto.

O caldo galego é moi interesante neste sentido: por un lado ten uns ingredientes inconfundiblemente galegos – os grelos, o unto, o chourizo – por outro son ingredientes que non son de todo alleos a certa cociña italiana (os grelos por exemplo son moi consumidos no sur, especialmente Apulia).

Hai moitos puntos de encontro entre a cociña italiana e a galega, sobre todo con pratos menos coñecidos. No taller de pizza penso facer unha con unto e patacas, unha marabilla!

Que atopará quen acuda o taller?

Encontrará os ingredientes e os utensilios necesarios para preparar as tres receitas do programa. A realización das receitas é unha escusa para introducirmos os ingredientes menos coñecidos, para practicar técnicas de cociña, e para explicar un pouco mellor a cociña italiana, que a pesares de ser moi difundida segue sendo pouco coñecida.

Partiches de Italia pero… cal é a túa vinculación con Galicia?

Convivo e traballo cun galego, Jorge Guitián, así que a miña vinculación empezou como afectiva por interposta persoa, pero ao longo destes anos xa me namorei pola miña conta desta terra. Dende unhas semanas son residente oficial de Negreira, así que me considero unha italo-galega ao 100%. Esta zona parécese moito a de onde veño en Italia, o Friuli – frío, chuvia, millo, pataca, moito campo e moito verde… séntome na casa.

O obradoiro do día 14 será en Santiago. Haberá máis citas noutras cidades?

Si, claro. De momento están pechadas dúas datas en Vigo, no restaurante Don Chiringo, para os días 30 e 31. Para febreiro hai previstos talleres en Betanzos, en Ourense, e na zona do Barbanza.

Tes unha presenza moi notable en Internet. Como tomas o seu uso?

Estou presente na rede dende o principio, en 1996 xa participaba en Usenet, e mesmo traballei en incubadoras de Internet antes da burbulla de 2000. Calquera cousa que faga ten un reflexo en Internet, ben en aplicacións ben en redes sociais. Non teño un plan de acción determinado, sinxelamente comparto e conto o que vivo e fago. Parte do éxito de Panepanna (e de Anna Mayer, que tamén teño a miña identidade propia) creo que está xustamente en ser transparente e sincera.

Comparte...