Antonio Portela: “O claustro de Tui ten as condicións ideais para deixarnos levar pola emoción dos viños”

Antonio Portela: “O claustro de Tui ten as condicións ideais para deixarnos levar pola emoción dos viños”

Antonio Portela, colaborador de BenBo, é organizador e responsable de A Emoción dos Viños, xunto con Marina Cruces. A terceira edición do certame, que ten lugar no claustro da catedral de Tui, celebrase o próximo 15 de xuño. Portela, amante do viño como poucos, explicanos a Emoción

A Emoción dos Viños chega á terceira edición. ¿Cómo naceu a idea e a qué responde?.

O mundo do viño é un universo case infinito, dinámico, en evolución permanente, sobre todo no noso país. Desde hai uns anos, paradoxalmente, existe unha vangarda vitivinícola que ten avanzado légoas na viticultura, na elaboración, na cultura, etc. levando ós nosos viños ás palestras máis importantes do mundo, e nembargante non eran moi coñecidos no país. Hoxe o consumo de viño é o máis reducido da historia, desprazado das copas, dos escaparates e dos medios que so buscan audiencias e rebumbio mediático, por modas sen ligazón coa nosa cultura e moito menos coa nosa economía primaria.

O nivel de profundidade e de expresión da identidade e da autenticidade que acadaron os nosos viños, e son simples pistas do que virá, precisaba de espazos ó mesmo nivel de autenticidade, acorde con ese mesmo estadio emocional que o viño provoca. Os institutos feirais e centros semellantes non permiten o vínculo entre unha copa, o seu creador, a persoa que o aprecia e a emoción que buscamos. Nos buscamos esa ecuación, con naturalidade e sinxeleza, e nesa ecuación nos poñemos o lugar, os viticultores o seu viño coa súa historia, e os amigos que nos acompañen os seus sentidos e sensibilidade.

Que van atopar este ano os visitantes?.

Atoparán unha parte fundamental dos viticultores galegos que teñen levado nos últimos anos, ademais dos que se van sumando á mesma corredoira, a identidade do viño galego cara á máxima expresión. A superficie do claustro e a degustación pausada que defendemos fai que o número de adegas sexa de corenta.

Estarán todas as zonas vitivinícolas galegas, agás Betanzos, ademais das rexións portuguesas máis afíns a Galicia como o Douro, Vinhos Verdes, Dão e Bairrada, así como adegas doutras zonas peninsulares caracterizadas pola súa filosofía máis natural na busca da expresión dos seus terroirs.

¿Cómo é a mecánica? ¿Está aberto a todo o público?

Está aberto a todos os amantes do viño, sen importar o nivel de coñecementos que teñan, e aos que aprecien e busquen a beleza… no viño. Sacamos 400 entradas para facilitar a degustación e a conversa sen aglomeracións.

O feito de celebralo no claustro da catedral de Tui ¿engádelle emoción ao viño, sabe distinto?

O viño percibímolo de diferentes maneiras dependendo do espazo, da compañía, do momento do día, da música que nos rodee, da conversa, da temperatura, do recipiente… O claustro da Catedral de Tui ten a sinxeleza da pureza e da autenticidade, sen adornos superfluos, coma os viños que nel presentamos. As condicións ideais para deixarnos levar á Emoción.

Comparte...