Asunción Rodríguez: “É imprescindible que todo o sector do viño de Monterrei reme na mesma dirección”

Asunción Rodríguez: “É imprescindible que todo o sector do viño de Monterrei reme na mesma dirección”

Asunción Rodríguez Zarraquiños é a nova presidenta da D.O Monterrei, a denominación de viños máis pequena de Galicia.

En Benbo dámoslle a benvida e prantexámoslle algunhas cuestións…

Como encaras este nomeamento?

Con ilusión. E, tamén, loxicamente, con responsabilidade. Son consciente de que o sector do viño de Monterrei se enfronta a retos cruciais para o seu futuro e espero estar á altura da responsabilidade encomendada.

Cales son os teus retos?

Un dos obxectivos nos que vou traballar máis inmediatamente é no da promoción. No de fomentar un maior coñecemento e recoñemento tanto no mercado galego, coma no nacional e, mesmo, no internacional, dos nosos viños articulando diversas accións de promoción e comunicación.

Xunto a isto, outro dos obxectivos que nos plantexamos é axeitar os parámetros precisos para que poidamos obter a acreditación ENAC. Eu creo que é imprescindible que obteñamos esa acreditación de calidade e nesa liña imos traballar.

Tamén imos apostar pola formación dos produtores e dos adegueiros. Hai un ámbito no que é preciso facer un especial esforzo: en formación TIC. O mundo dixital bríndanos excelentes oportunidades para amosar e, mesmo, comercializar os nosos produtos. Para iso, imos articular accións dinamizadoras específicas que teñan que ver con este ámbito.

Internacionalización, marketing, novos xeitos de promoción… como se pode medrar en números e calidade?

Coido que o potencial de crecemento da D.O de Monterrei é moi grande e que  imos na dirección correcta. Para 2015, as previsións da colleita estímanse en preto de 3,5 millóns de quilos de uva, o que suporía un incremento dun 25% con respecto ao ano pasado. Xunto a isto, no último ano fomos capaces de incrementar nun 50% as exportacións.

Cada vez estamos máis internacionalizados e iso é, en gran medida, grazas á calidade do produto que ofrecemos e tamén grazas ás accións de promoción e marketing que articulamos. Cómpre seguir traballando nesa dirección, intensificar as accións promocionais porque na actualidade a comunicación é importantísima e iso obriga ás organizacións e aos produtos a xogar nesa liga, a apostar por este aspecto para poder ser percibidos polos seus grupos de interese ou polos consumidores finais.

Para que é necesaria a cualificación ENAC?

Non só é necesaria, senón que é unha obriga que nos impón a normativa europea. A cualificación ENAC permitirá que o consumidor final cando vexa unha botella de Monterrei teña a fiabilidade absoluta de que detrás desa botella existe un control estrito de calidade e se teñen cumprido unha serie de parámetros .

En caso de obtela daríamos un salto cualitativo e situariamonos como a segunda D.O vinícola galega en ter conseguido esta acreditación, porque na actualidade só a ten Rías Baixas. E os auditores deste organimos que nos visitaron recentemente dixéronnos que imos polo bo camiño para acadala nun breve espazo de tempo.

Cales cres que son as mellores oportunidades e os perigos aos que se enfrontan os viños de Monterrei?

En Monterrei temos un produto magnífico. O territorio, a experiencia dos viticultores e, posteriormente, o traballo en bodega, incide na súa obtención. Arredor do nosos produtos temos grandes oportunidades de negocio. Cómpre polo tanto intensificar esforzos en amosalo ao mundo. Que todos saiban que temos viños de primeirísima calidade. Estamos traballando nesa dirección e, de feito, xa colocamos en mercados exteriores un 17% da nosa produción. Pero queremos aumentar esa cifra.

Coido que un dos principais perigos que debemos evitar tanto os viños da nosa D.O. coma os amparados noutras denominacións de orixe é o da desunión. É imprescindible que todo o sector do viño de Monterrei traballe e reme na mesma dirección. Sen fragmentación nin fisuras. Tamén temos que ser capaces de “enganchar” ás xeracións máis novas e garantir o relevo xeracional no sector vinícola de Monterrei que, nestes momentos, ocupa nunha porcentaxe moi ampla a persoas con máis de 60 anos. Para acadar isto, é fundamental promover a formación en viticultura e tamén acadar a implicación das diferentes administracións neste obxectivo.

A colleita 2014 foi cualificada como moi boa. Que se pode facer para que máis xente probe os viños de Monterrei?

En realidade, colocamos no mercado unha porcentaxe moi alta da produción e iso quere dicir que chegamos aos consumidores finais. É importante posicionarnos de forma máis consistente en diferentes canais; traballar certos aspectos que teñen que ver co marketing relacional e ligar os nosos produtos a unha paisaxe e a un territorio concreto. Lía o outro día nunha entrevista ao experto en viños Juan Park, de Wine Intelligence, que os “viños galegos parten dunha boa base pero necesitan xerencia de marca”. Esa é a dirección na que temos que traballar para que máis xente sexa consciente da existencia dos viños de Monterrei.

En Galicia contamos con cinco denominacións de orixe de viño; e catro, na provincia de Ourense… somos demasiado minifundistas?

Creo que todas elas son precisas porque cada zona produtora ten unhas características de seu. Porén, no que habería que realizar un maior esforzo é en articular accións conxuntas entre as diferentes denominacións, sobre todo de promoción. Coido que xuntas somos máis fortes e que amparadas baixo a marca “Galicia”, por exemplo, poderemos chegar máis lonxe, Sen esquecer nunca, loxicamente, a singularidade propia de cada unha das zonas.

Algunhas voces poñen en dúbida o funcionamento e mesmo, as veces, a credibilidade do que sae dos Consellos Reguladores do Viño. Deben cambiarse?

O seu funcionamento e as súas normas internas teñen carácter democrático. A cabeza visible destes órganos elíxese por sufraxio entre os representantes do sector e a maioría das decisións tómanse de xeito colexiado, nos plenos nos que participan diferentes vogais. Cuestionar o funcionamento dos Consellos Reguladores é cuestionar a democracia mesma.

Evidentemente hai aspectos que se poden mellorar, aínda que cumprimos con eficacia as nosas funcións principais: velar polo cumprimento da normativa que rexe a D.O e defender o produto amparado. Estas función veranse reforzada cando academos a acreditación ENAC.

Comparte...