Beatriz Sotelo, gañadora da segunda edición de Cociñeiro do Ano: “O premio abreche moitas portas”

Beatriz Sotelo, gañadora da segunda edición de Cociñeiro do Ano: “O premio abreche moitas portas”

En marzo de 2008 Beatriz Sotelo proclamábase Cociñeira do Ano, na segunda edición deste concurso organizado por Caterdata e cuxa quinta edición comeza o próximo mes en Cádiz.

Naquela final, Beatriz, a única muller que polo momento gañou o premio, impúxose a sete homes cun menú formado por canelón de faisán con prebe de asado e trufa, pescada Celeiro con caldo de pemento verde e pilpil e biscoito de améndoa, albariño e mazá.

Falamos con Beatriz sobre aquela experiencia.

Profesionalmente foi o recoñecemento ao traballo, a continuidade e o esforzo. Persoalmente un logro, un premio inesperado. Non pensaba en gañar, non porque non fose preparada, senón por quen competía contra min” di ao preguntarlle pola experiencia.

A Beatriz o premio abriulle moitas portas, como ela mesmo indica: “Abre moitas portas dentro de España e fora. Daquela estaba empezando en A Estación con Xoán Crujeiras e grazas ao premio veu xente a coñecernos e darlle importancia ao restaurante. Grazas ao premio e á visibilidade na prensa chegamos á estrela Michelín, que tamén é un recoñecemento grande. Ambos premios sono ao  esforzo e traballo continuo en equipo”.

A cociñeira lembra a final do concurso en Barcelona con moitos nervios  “pero tiña a un bo axudante ao meu lado, Braulio, que hoxe é o meu marido. Dixen que se gañaba o concurso casaba e casei. Ter contigo a unha persoa que te entende, tranquiliza e apoia é fundamental, e máis para min que son moi nerviosa. Na final acumulase a tensión, o traballo nun tempo record en un sitio que non é a túa cociña, o estrés…. Poder quedar orgullosa do que fixeches non se paga. Levas moito tempo preparando e xogas todo en cinco horas. Pero tamén atopas moita xente, fas amigos e compañeiros cos que intercambias ideas.”

Aos cociñeiros que preparan a súa participación na nova edición do concurso Beatriz recoméndalles “que fagan o que saben e co que se sintan identificados. Algo seguro e que no que confíen. Que sexan eles mesmos.”

Comparte...