Caviar de albariño ou como meter o viño nunha pequena esfera

Caviar de albariño ou como meter o viño nunha pequena esfera

Os responsables dos viños Celeirós comercializan esferificaciones do seu branco do Condado do Tea

A versatilidade do albariño parece non ter fin. Nin ela nin a creatividade daqueles que buscan ir un pouco máis lonxe axuntando nun produto tradición e técnicas innovadoras. Con esta premisa, os responsables do proxecto vitivinícola Celeirós, Galicia Rural Alimenta, acaban de lanzar o que denominan “caviar de albariño”, unhas perlas de albariño resultado de someter o seu viño branco Celeirós a un proceso de esferificación para obter este sorprendente produto.

Este “caviar” está composto por pequenas esferas recheas de viño albariño que explotan no padal lembrándonos as características que definen estes viños. A elaboración é o resultado de 18 meses de ensaios até dar co que buscaban os seus creadores, un complemento perfecto para empregar na gastronomía con propostas como ostras frescas, salmón afumado, pescada do pincho, queixo de tetilla ou para darlle un punto diferente a unhas galletas mariñeiras con paté de nécora, por exemplo. Aínda que seguramente tamén poida ter interesantes usos na coctelería.

A base de albariño que se emprega para a elaboración deste produto é o propio viño que elabora esta empresa, o Celeirós de Barcela, elaborado a partir da vinificación con métodos tradicionais de varias leiras na parroquia de Barcela, en Arbo, na subzona do Condado do Tea amparada dentro do D.O. Rías Baixas. Este branco, cuxa primeira colleita foi en 2013, viña complementar o proxecto co que comezaba Galicia Rural Alimenta en 2011 cando se lanzaban ao mundo da viticultura coa elaboración dun Ribeira Sacra, Pena dás Doas, en Ribas de Sil, un mencía co que apostaban pola elaboración de viños galegos seguindo métodos artesanais.

Tralo tinto e o branco, as esferificaciones únense á familia do proxecto Celeirós e veñen tamén a ampliar o xa de seu extenso abano de produtos elaborados con base de uva albariño, como os xabóns, as marmeladas ou os gelées, que nos permiten gozar do albariño dunha maneira alternativa e creativa. Na súa web podedes atopar e adquirir todos os seus produtos a través da súa tenda en liña.

Caviar albariño Poterono Comunicación Visual

Fotografía: Poterono Comunicación Visual

Comparte...