Cesáreo Pardal: “Galicia é xa un destino enogastronómico atractivo e de gran calidade”

Cesáreo Pardal: “Galicia é xa un destino enogastronómico atractivo e de gran calidade”

Entrevistamos ao secretario do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, acerca das últimas accións nas que participou este organismo e a súa visión sobre os últimos acontecementos no mundo da gastronomía en Galicia.

Pardal pon voz, neste caso, ao organismo que agrupa na nosa comunidade  a un gran número de empresas vinculadas por unha mesma cadea de valor e que desenvolven as súas actividades nun espazo xeográfico concreto, Galicia, ao redor do sector turístico, ben como actividade principal ou complementaria.

Non só temos un gran produto, tamén podemos dicir que temos grandísimos profesionais que souberon atopar a súa propia voz (…)

BB. Acaba de celebrarse a gala de entrega das Estrelas Michelin en Santiago, a gastronomía converteuse nunha razón de peso para visitar Galicia?

CP. Sen dúbida, a gastronomía é a segunda razón, despois da natureza pola que os turistas nos vistan. Temos unha enorme riqueza enogastronómica, con produtos de mar e montaña de primeira calidade, ademais de cinco denominacións de orixe vitivinícolas e máis de 800 empresas agroalimentarias. Pero non só somos produtores, tamén conseguimos converternos nunha terra onde sorprender aos visitantes cunha cociña moderna que non renuncia nin á tradición, nin aos sabores auténticos. Se a iso unimos as nosas festas gastronómicas, moitas delas declaradas de interese turístico, vemos que conseguimos crear un produto turístico forte e único.

BB. A restauración galega está a vivir un momento doce, con chefs galegos que triunfan tamén fóra das nosas fronteiras….

CP. É unha satisfacción ver recoñecido o traballo de grandes profesionais que alcanzaron o prestixio da Estrela Michelin ou dos Soles Repsol, distincións das que xa temos 13 e 37 respectivamente. Somos xa a cuarta comunidade autónoma con maior número de restaurantes con Estrela Michelin, nada menos. Pero, ademais, temos unha xeración de grandes chefs, moitos deles mozos moi ben formados nas escolas de hostalería galegas, que se están abrindo paso tanto en Galicia como fóra dela, obtendo os recoñecementos máis prestixiosos. Non só temos un gran produto, tamén podemos dicir que temos grandísimos profesionais que souberon atopar a súa propia voz, converténdose nun potencial turístico de primeira orde e que están a conseguir que se fale da gastronomía galega dentro e fóra das nosas fronteiras.

BB. Tamén a gastronomía está presente noutros produtos turísticos, como o do Outono Gastronómico, Que lle achega esta iniciativa a Galicia?

CP. O Outono Gastronómico celébrase nun momento no que habitualmente vivimos unha baixada na ocupación dos establecementos hostaleiros, especialmente nas casas de turismo rural. Por iso desde Turismo de Galicia, en colaboración coas asociacións de turismo rural, impulsamos esta iniciativa, que nos permite unir elementos como a natureza e a gastronomía nun produto turístico que demostrou bos resultados nas nove edicións en que leva celebrándose. Edición tras edición, demostrou ser unha iniciativa perfecta para dinamizar os aloxamentos singulares e os aloxamento rurais que participan, nesta ocasión foron 89 e todos eles tiveron que crear diferentes menús especificamente para este programa, nos que incorporaron os produtos de tempada como a caza e os cogomelos para ofrecer propostas atractivas que nos permite traballar na desestacionalización deste tipo de turismo.

BB. Están a notar os resultados os pequenos negocios como casas rurais? pode ser unha boa forma de promocionar o produto galego?

CP. Quédannos poucos días xa para pechar esta edición e facer balance pero esperamos que as cifras volvan ser moi positivas. En edicións anteriores conseguíronse superar os catro mil viaxeiros, comercializándose máis de 200 menús e preto de dous mil dos diferentes paquetes turísticos. O tipo de cliente que se adheriu a estas propostas foi desde unha familia a unha parella de mediana idade, segundo o tipo de paquete ofertado, xa que se crearon diferentes modalidades de paquetes turísticos con comida ou aloxamento.

BB. Falando en termos xerais, como pensa o Clúster que se debería enfocar a promoción gastronómica nos próximos anos como motor turístico?

CP. Sen dúbida a enogastronomía incorporouse no Plan Integral de Turismo de Galicia como un eixo fundamental, o que nos está permitindo levar a cabo numerosas accións nas que a gastronomía está presente tales como a asistencia a feiras especializadas, o apoio á comercialización da gastronomía galega, a organizacións de viaxes para xornalistas e axentes de viaxes especializadas ou a realización de showcookings en escolas de hostalería e turismo en distintas cidades do mundo. Creo que é importante que sigamos neste camiño, acompañando estas demostracións de produto coa cociña dos profesionais que son capaces de elaborar unha cociña moderna e atractiva, sen renunciar nin ao produto nin á tradición.

Creo que debemos tamén traballar en incorporar esta riqueza enogastronómica en produtos turísticos que nos permitan difundir os valores gastronómicos de Galicia tanto en España como no estranxeiro. Galicia é xa un destino enogastronómico atractivo e de gran calidade, que conte cunha gama de servizos e produtos turísticos experienciales ligados á súa propia identidade e á singularidade da súa gastronomía e viños, asegurando a satisfacción dos turistas que o elixen, tanto veñen cunha motivación exclusivamente gastronómica, como veñen por outras motivacións.

Comparte...